miércoles, 16 de agosto de 2017 19:32




Número de contacto (34)678803735
redaccion@galiciapress.es

O CAMIÑO DE SANTIAGO RECIBE O PREMIO ESTRELLA DO TURISMO COMO PROXECTO EUROPEO CON MÁIS FUTURO

|


0941045001292859603.jpg

A Revista TURISMO concedeu hoxe o premio Estrella do Turismo ao Camiño de Santiago como proxecto europeo con máis futuro. A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recolleu o galardón das mans do Embaixador de Italia en España, Pietro Sebastiani, na gala de entrega da primeira edición destes premios que reuniu en Madrid a representantes das embaixadas e delegacións de turismo de todo o mundo.


Estes premios xorden co obxectivo de enxalzar as empresas, marcas, países ou proxectos, que mellor souberon adaptar o sector aos novos tempos e marcar unha traxectoria impecable e positiva no ámbito turístico.


A revista distinguiu o Camiño de Santiago como o proxecto cultural con máis futuro en Europa e destacou que é “unha das rutas de peregrinación máis emblemáticas do mundo e unha autopista de unión entre os europeos”. Así mesmo, valorou os proxectos e plans de promoción turística y cultural, así como, as campañas, exposicións, conferencias e publicacións, que, segundo explicou “acercan aos pobos a Galicia e converten ao Camiño na ruta máis universal do planeta”.


A directora de Turismo de Galicia agradeceu a dita distinción afirmando que “este premio é unha mostra máis da grande importancia e recoñecemento que está a alcanzar o Camiño de Santiago”. Nesta liña, Nava Castro lembrou outros grandes recoñecementos internacionais cos que conta a Ruta Xacobea e que a converten nun itinerario de referencia a nivel mundial, destacando a declaración de Patrimonio da Humanidade pola UNESCO e a declaración de Primeiro Itinerario Cultural Europeo polo Consello de Europa.


A responsable de Turismo da Xunta destacou que “o Camiño de Santiago é, sen dúbida, o produto turístico estrela de Galicia e a súa icona máis universal”. “Constitúe a nosa carta de presentación no mundo e é un potente elemento diferenciador para Galicia”, afirmou.


Nava Castro explicou que, grazas ao Camiño, Galicia mostra o seu patrimonio tanto natural como cultural, os seus costumes e tradicións e a súa tan venerada gastronomía a miles de turistas de todas partes do mundo. “Todos eles son produtos que integra a nosa comunidade que complementan a experiencia dos peregrinos no seu percorrido polo Camiño”, sinalou.


A directora de Turismo destacou tamén na súa intervención o labor das máis de 300 Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago que levan a cabo numerosas iniciativas que difunden e promocionan este fenómeno por todo o mundo. “Elas son os verdadeiros embaixadores de Galicia e do Camiño nos seus países de orixe”, afirmou.


Así mesmo, Nava Castro explicou o traballo que desde Turismo de Galicia estase facendo para a revitalización e dinamización da Ruta Xacobea tendo en conta a súa capacidade e preservando os seus recursos patrimoniais e culturais. Neste senso, a directora de Turismo de Galicia destacou diversas iniciativas como o Plan Director do Camiño de Santiago, o proxecto Smart Camiño, a celebración do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago ou a creación do Centro Internacional de Acollida aos Peregrinos, entre outras.


“Apostamos pola revitalización e dinamización do Camiño de Santiago para non perder esa esencia que encandea ano tras ano a numerosos peregrinos e que supón o outorgamento de numerosas distincións internacionais pero desenvolvéndoo dun xeito sostible e atendendo a súa capacidade de carga”, sinalou Nava Castro.


A directora de Turismo de Galicia concluíu afirmando que “solo en Galicia está a meta do Camiño e isto a converte nun lugar único no mundo”.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pombapress animation

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress