Rexistradas 775 declaracións de autoinculpación pola protesta contra as políticas da Troika

|

Santiago de Compostela, 13 de febreiro de 2015.- O portavoz nacional do BNG, Xavier Vence, e o secretario xeral da CIG, Xesús Seixo, trasladaron aos Xulgados de Fontiñas, en Santiago de Compostela, as 775 declaracións de autoinculpación asinadas en solidariedade coas cinco persoas denunciadas por participaren durante a visita de Ángela Merkel a Galiza na protesta contra as políticas da Troika que empobrecen o noso país.


Xavier Vence destacou a solidariedade amosada cos compañeiros “encausados por unha denuncia falsa da Policía” por manifestarse pacificamente contra as políticas da Troika e de Bruxelas, “que destrozan a economía produtiva do noso país e arruínan conquistas históricas e dereitos sociais”. “Expresamos así a nosa plena solidariedade con Rubén Cela, Paulo Carril, Paulo Carballada, Xabier Aboi e Afonso Losada”, afirmou, “e temos claro que hai que plantarlle cara ás políticas que atacan o noso país e os dereitos sociais”.


“A sociedade galega ten claro a onde conducen estas políticas e as leis represivas como a Lei Mordaza non nos van amilanar, porque imos seguir a defender os intereses deste país, da clase traballadora e de todas as persoas que queren un futuro diferente porque saben que estas políticas nos conducen ao abismo social, á pobreza e á perda de calidade democrática.”, indicou.


Xesús Seixo referiuse ás políticas “represivas” do PP fronte aos “movementos sociais, persoas e forzas políticas que adoptamos unha postura de confronto ás súas políticas antisociais”. Ao PP non lle chega con levar adiante políticas económicas e laborais que conducen a unha situación de pobreza e de exclusión social a milleiros de persoas e a unha perda de dereitos importantes en canto a servizos públicos, sinalou. “Non lle chega con empobrecer a clase traballadora, senón que ademais necesitan a satisfacción da súa ideoloxía franquista e iso maniféstase través do recorte de dereitos fundamentais como é o dereito á liberdade de expresión e de manifestación que nos levou moitos anos conquistar e que o PP intenta borrar; a isto obedece a modificación do Código Penal e da Lei de Seguridade Cidadá”, engadiu.


Ademais, Rubén Cela, portavoz municipal do BNG de Santiago e un dos encausados, agradeceu as mostras de apoio e de solidariedade recibidas a través destas declaracións de autoinculpación e asegurou que “non van conseguir amedrentar a quen defende dereitos fundamentais, porque a liberdade de expresión e de manifestación non se negocia”.


Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress