miércoles, 16 de agosto de 2017 19:32




Número de contacto (34)678803735
redaccion@galiciapress.es

O titular da Xunta iniciou hoxe a súa visita a Perú cunha reunión co ministro de Vivenda, Construción e Saneamento, Milton von Hesse, e cun encontro empresarial para, posteriormente, reunirse co ministro da Produción, Piero Ghezzi Solís

Feijóo estreita os lazos con Perú cun convenio de colaboración en pesca e acuicultura e coa creación dunha representación comercial para incrementar as exportacións ao país andino

|

feijoo peru

Lima (Perú), 16 febreiro de 2015.- Alberto Núñez Feijóo, visitou hoxe Perú, onde estreitou os lazos co país andino cun convenio de colaboración en pesca e acuicultura e coa creación dunha representación comercial para incrementar as exportacións das empresas galegas ao país latinoamericano.


No tocante ao primeiro punto, Feijóo asinou hoxe un memorando de entendemento co ministerio da Produción de Perú que constituirá un marco para o futuro no ámbito da cooperación acuícola e pesqueira entre ambos os territorios. Tras unha reunión co ministro da Produción, Piero Ghezzi Solís, o titular do Goberno galego explicou que o convenio vai posibilitar cinco anos de colaboración constante en materia de pesca e de acuicultura; “en materia de asistencia técnica, en materia de formación das tripulacións; e, tamén coa posibilidade de adquisición de aparellos e no tocante á tecnoloxía dos propios barcos de pesca”, engadiu.


Logo de destacar que Perú é o quinto país no ránking de pesca extractiva do mundo, con case cinco millóns de toneladas de captura e conta con 5.000 barcos, Feijóo avogou por aproveitar a tradición marítima, as sinerxías e os intereses compartidos.


Nesta liña, afirmou que o feito de asinar este convenio cunha potencia pesqueira mundial sitúa Galicia como un dos territorios que ten unha relación máis fluída con este país. Unha relación que, segundo afirmou, Galicia quere prolongar; é dicir, “unha relación constante, fluída e de futuro entre Perú e Galicia desde o punto de vista da pesca e da acuicultura”.


Así mesmo, Feijóo aseverou que “o feito de que o ministro da Produción coñeza a nosa industria pesqueira e as nosas capacidades de asistencia técnica ás flotas de Perú e a toda a industria extractiva e transformadora da pesca supón, tamén, un seguro para as empresas galegas que están aquí situadas, como Marfrío ou Pescanova, e tamén para unha parte da nosa flota do palangre que ten aquí base loxística”.



Feijóo fixo fincapé en que o acordo asinado pretende servir de marco para consolidar todos estes lazos e, ao mesmo tempo, aproveitar as potencialidades que ofrece o contexto actual. Construír, en definitiva, unha base que permitirá implantar programas e proxectos para a captación e o intercambio de coñecemento e tecnoloxía nos ámbitos da pesca e a acuicultura, pero tamén no uso racional dos recursos mariños e o desenvolvemento de industrias auxiliares.


Nesta liña, precisou que son moitos os ámbitos de traballo que se irán desenvolvendo ao longo dos vindeiros cinco anos entre os que destacou: a colaboración entre ambas as administracións; o fomento da pesca, tanto artesanal como industrial, e da acuicultura; a formación de profesionais do sector e o intercambio de coñecemento, a través da organización de todo tipo de cursos e seminarios; e a extensión de controis de calidade e o fomento da seguridade alimentaria.


Creación dunha representación comercial para incrementar as exportacións ao país


O presidente da Xunta,que iniciou hoxe a súa viaxe oficial a Perú cunha reunión co ministro de Vivenda, Construción e Saneamento, Milton von Hesse, e cun encontro empresarial, referiuse á capacidade do país para xerar investimento e anunciou a creación dunha representación comercial permanente en Perú, para facilitar ás empresas galegas que sigan ampliando as súas capacidades de traballo e exporten ao país andino.



Feijóo fixo fincapé en que este país latinoamericano soubo orientar as súas políticas cara á apertura da economía e o crecemento: “Estamos ante unha economía aberta, que aposta pola libre circulación de bens, servizos, capitais e persoas na rexión, a través da Alianza do Pacífico, da que tamén forman parte México, Colombia e Chile. Que demostra unha grande apertura á inversión estranxeira e, de feito, o noso país é o primeiro inversor en Perú, con case o 20% do total. E que tamén soubo internacionalizarse, ata alcanzar unhas exportacións que case supoñen a metade do PIB (o 45% do seu PIB son exportacións)”, aseverou.


Xunto á súa apertura, o titular da Xunta salientou como o outro trazo que mellor caracteriza á economía peruana: o seu importante crecemento. E, neste sentido referiuse aos datos macroeconómicos, entre os que destaca un crecemento medio do PIB do 7% durante a última década.


Feijóo destacou que, Perú conta con outros sectores con oportunidades, “xa que estamos nun país que está a crecer e que ten como obxectivo vivendas dignas, desenvolvemento rural e abastecemento e saneamento de auga.” E, nesta liña, destacou sectores como e o agro, tanto alimentario e mar industria; todo o que se refire á consultoría, tanto no eido da arquitectura como da enxeñaría e control de calidade; a construción de vivendas e tamén o saneamento e abastecemento da auga; e o sector das TIC.


Feijóo concluíu insistindo en que Perú é un país puxante, que está abrindo a súa economía ao exterior e co que compartimos importantes intereses comerciais.


Durante a súa estadía en Perú, Feijóo tivo a oportunidade de reunirse tamén con empresarios galegos e con empresarios peruanos con intereses na economía galega. E sobre este punto, subliñou que para moitas empresas galegas Perú xa é un dos seus principais mercados. Non en van, en 2014 se incrementaron as empresas que exportaron desde Galicia a país andino máis dun 30%. “Unha oportunidade para concretar os nosos intereses recíprocos”, dixo, logo de precisar que a ampliación do metro, a licitación de importantes autoestradas e os Xogos Panamericanos suporán máis infraestruturas “e, en definitiva, máis posibilidades para seguir afianzando a nosa presenza no país”.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pombapress animation

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress