#Claves de la semana

José Luis Romeu: “Feijóo ten un problema coa conselleira de Sanidade e non se atreve a resolvelo”


|

MndezRomeuXuntaPortavoces.jpg

      O portavoz do Grupo Socialista, José Luis Méndez Romeu


Santiago .- O responsable socialista citou o dito popular de que “a incompetencia tende a chegar ao seu teito” e a conselleira de Sanidade “está moi preto del”, polo que reclamou a súa destitución logo de ofrecer “datos sobrados dunha actuación incorrecta”. Preguntouse si a conselleira confunde o goberno da Xunta cunha satrapía ou unha monarquía absoluta, logo de dicir que o Comité prepara informes “só para ela”.


Méndez Romeu lembroulle que o Comité de Bioética é un órgano consultivo “da administración”, que “debe servir para iluminar as decisións á conselleira e tamén a tódolos profesionais sanitarios e á cidadanía”. Preguntoulle ao presidente da Xunta si considera que a censura do informe “pode ser chamado transparencia e eficacia”.


O responsable socialista anunciou que a sesión de control ao presidente da Xunta do próximo Pleno do Parlamento estará centrada nos resultados económicos de 2014, logo de que o PP vetara a comparecencia de Feijóo sobre o seu fracaso na política económica, demostrado nos datos de crecemento do PIB de Galicia.


Méndez Romeu lembrou que Galicia medrou en 2014 a metade do previsto pola Xunta e un punto por debaixo da media do Estado -0,4 fronte ao 1,4 por cento do conxunto de España-.


Criticou que a Xunta non teña ofrecido a día de hoxe “ningunha explicación” sobre esta situación mentes a secretaria de Estado de Facenda e ex conselleira de Facenda, Marta Fernández Currás, aplaudira onte a redución de déficit en Galicia. Puntualizou que “esqueceu os datos de crecemento económico”, que confirman que Galicia “apenas medra, cun comportamento ben diferente ao resto das comunidades autónomas”.


Méndez Romeu criticou a ausencia de Feijóo para dar conta da situación de Abanca, a vella NGB resultado da fusión entre as caixas galegas fracasada a pesares do impulso do presidente da Xunta e da propia Fernández Currás. Méndez Romeu dixo que a ex conselleira “débelle unha explicación aos galegos e galegas” logo de que a realidade demostrara que “o que dicía Feijóo non era certo”.


O responsable socialista lembrou a presa amosada polos dous dirixentes para “malvender” as entidades galegas cun custe de 7.000 millóns de euros ás finanzas públicas que non serán devoltos polos actuais propietarios. Os mesmos, dixo, que no primeiro ano de xestión xa recuperaron os 1.000 millóns de euros que lles supuxo a operación, e que poderían ter sido devoltos ás contas públicas de demorar o proceso de venda.


Explicou ademais que o próximo Pleno do Parlamento incluirá unha pregunta do Grupo Socialista sobre os recortes anunciados pola empresa Pemex e que afectan aos pedidos aos estaleiros galegos, logo de que o PP vetara a solicitude de comparecencia presentada polos socialistas.


Lei de Financiamento dos partidos


Méndez Romeu criticou hoxe a negativa do PP á solicitude formal do PSdeG a abrir un período de demora no debate do proxecto de Lei de Financiamento das formacións políticas. Salientou as múltiples eivas na tramitación do texto polo Consello Consultivo, xa que foi agochado ao Pleno do órgano e mesmo á participación pública e foi elaborado e aprobado tan só por dous dos seus membros.


Criticou a tramitación opaca do texto, que se agochou á sociedade pública malia que regulamenta o financiamento de formacións políticas que non teñen representación parlamentaria e polo tanto non poderán participar na súa tramitación.

O responsable socialista explicou que o Pleno que comeza a próxima semana incluirá unha moción “sobre as accións que levou a cabo o Goberno galego sobre corrupción” na que, dixo, o Grupo Socialista reclama unha vez mais a documentación do goberno galego e a comparecencia de Feijóo no Pleno do Parlamento.


Ademais, tamén serán debatidas dúas proposicións non de Lei sobre o rexeitamento da reforma do artigo 13.4 da Lei de saúde sexual e reprodutiva e de interrupción voluntaria do embarazo e sobre as peaxes impostas ao autoconsumo de enerxía impostas polo goberno para beneficiar ás empresas eléctricas.


Os socialistas galegos presentarán tres interpelacións sobre políticas de protección e defensa da lingua galega, sobre os contratos asinados entre produtores e industria leiteira e sobre os postos de traballo suprimidos pola Consellería de Traballo e Benestar. A sesión de control ao goberno incluirá o caso particular dos residentes na residencia de As Gándaras, en Ferrol.

Última hora

Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.
Última hora
Cabeceralomasleido 1
Cabecerarecomendados 1

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE