6.500 estudantes da provincia de Lugo beneficiaranse dos contratos da Consellería de Cultura e Educación

|

Lugo, 3 de marzo de 2015


O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez González, asinou hoxe contratos-programa con 44 centros educativos da provincia de Lugo, que beneficiarán a máis de 6.500 estudantes da provincia. No transcurso deste acto o titular do departamento educativo da Xunta sinalou os contratos-programa como unha aposta pola autonomía dos centros, así como unha mostra do compromiso da Consellería coa impulso da equidade, da igualdade de oportunidades, coa atención á diversidade do alumnado e coa promoción da excelencia educativa.


Neste sentido, salientou tamén a gran acollida que esta iniciativa está a ter entre os centros educativos, cunha participación que se incrementa ano a ano; e agradeceu a implicación de profesorado e equipos directivos na elaboración e posta en marcha destes proxectos, partindo dunha análise das fortalezas e debilidades de cada centro en particular co obxectivo de actuar sobre aquelas áreas nas que o alumnado máis o precisa. Non en balde, este curso participan no desenvolvemento dos contratos-programa na provincia de Lugo 699 docentes, máis do dobre que hai 2 anos, cando comezou a funcionar a iniciativa.


Na sinatura acompañaron ao conselleiro a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias; e máis o director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, entre outras autoridades.


Liñas de actuación


Os contratos-programa son unha iniciativa de innovación educativa que ten como obxectivos fundamentais a loita contra o abandono educativo temperán, a promoción da excelencia e a busca da excelencia educativa. Co desenvolvemento destes proxectos desde o curso 2012/2013, Galicia situouse entre as primeiras Comunidades Autónomas de España no desenvolvemento deste tipo de programas


Ao abeiro da mesma cada centro presenta propostas de actuacións para o reforzo do seu alumnado, baseándose nas súas particularidades, fortalezas e debilidades, arredor de 5 liñas diferentes nas que poden solicitar asinar un contrato-programa. Deste xeito, a liña 1, de Reforzo, orientación e apoio (PROA), busca mellorar as perspectivas escolares do alumnado con dificultades a través do traballo ou apoio organizado para a adquisición das destrezas básicas que lle faciliten a incorporación plena ao ritmo de traballo ordinario e ás esixencias das diferentes áreas e materias.


Así mesmo, a liña 2, de mellora das competencias clave, busca reforzar as competencias matemática, en comunicación lingüística e en ciencia e tecnoloxía. Cómpre sinalar que este ano a liña de actuación número 2 subdivídese nas tres devanditas modalidades para avanzar no reforzo das competencias clave, de acordo coas liñas prioritarias da Lei para a Mellora da Calidade Educativa (LOMCE).


A liña 3 céntrase nas accións que repercuten na mellora do clima escolar e das relacións entre os membros da comunidade educativa procurando, a un tempo, a prevención do abandono temperán e do absentismo escolar; mentres que a liña 4 constitúe unha aposta pola atención á diversidade avanzado nas iniciativas de mellora do nivel de coñecementos para acadar a excelencia. A liña 5 está centrada nos equipos docentes e directivos e ten como obxectivo a mellora da calidade na xestión dos centros.


Na provincia de Lugo, en concreto, os 44 centros participantes desenvolverán 84 iniciativas arredor das devanditas 5 liñas de actuación, un 75% máis ca no 12/13. Delas 32 correspóndense coa liña 1, de reforzo, orientación e apoio (PROA); 13 coa 2a, de mellora da competencia matemática; 10 coa 2b, de mellora da competencia lingüística; 5 coa 2c, de impulso da competencia científico-tecnolóxica; 10 coa liña 3, de mellora da convivencia nos centros e da prevención do abandono temperán e do absentismo escolar; outras 10 coa liña 4, destinada a promover a excelencia educativa; e 4 coa 5, dirixida á mellora da xestión dos centros.


Dotación aos centros


Así, desde o día 9 de febreiro incorporáronse 95 profesores externos aos centros que desenvolven estas iniciativas, cifra moi similar á do curso pasado, ademais dos fondos adicionais que lles concede aos centros para que o profesorado en plantel asuma a impartición destes programas. En total este curso - entre ambas as modalidades- os contratos-programa implican a un total de 5.417 docentes.

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress