O CERTAME ‘DE TAPAS POR GALICIA’ DECIDIRÁ EN SANTIAGO CAL É O MELLOR PETISCO DA COMUNIDADE
Os chefs gañadores dos certames de tapas das sete capitais galegas compiten nunha gala de cociña en directo o martes 31 na Cidade da Cultura de Galicia
Santiago.- A cidade de Santiago de Compostela acollerá o próximo martes, 31 de marzo, a final do certame De Tapas por Galicia, na que se decide cal é o mellor petisco da Comunidade. Os gañadores dos concursos de tapas das sete grandes cidades galegas agrupados na experiencia promovida no outono e inverno pasados por Turismo de Galicia, cociñarán en directo as súas receitas ante perto de douscentos convidados en representación dos sectores da gastronomía e o turismo de Galicia, así coma dos concellos de orixe dos cociñeiros.
Esta gala constitúe a primeira experiencia dun concurso de tapas de ámbito galego, promovida por Turismo de Galicia para poñer en valor as rutas galegas de tapas e os pratos de pequeno tamaño. O certame recoñecerá ao mellor cociñeiro ou cociñeira de entre os sete gañadores dos concursos de tapas organizados en 2014 en Ferrol, A Coruña, Santiago de Compostela, Pontevedra, Vigo, Lugo e Ourense.
Os cociñeiros que optan ao Premio Mellor Cociñeiro De Tapas por Galicia son Gonzalo Pérez (Frank, Ferrol); Moncho Bargo (Spoom, A Coruña); Lucía Freitas e Nacho Tierno (A Tafona Casa de Xantar, Santiago); Rubén González e Sergio Orge (El Cafetín, Pontevedra); Carles Lapuente, (La Contenta, Vigo); Álvaro Villasante (Paprica, Lugo) e máis José Luis Fernández (Tapa Negra, Ourense).
Este galardón decidirao un xurado profesional conformado por Pepe Solla, cociñeiro e membro do Grupo Nove; Patricia Cuevas, directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia; Francisco González, presidente do Clúster de Turismo de Galicia; Pablo Portabales, xornalista e crítico gastronómico; e Guillermo Fernández, delegado de Hijos de Rivera en Santiago.
Ademais do Premio ao Mellor Cociñeiro entregaranse outras dúas distincións: o Premio Especial As Tapas Estrella Galicia, que entrega esta firma, copatrocinadora do certame, ao pincho que mellor maride coas cervexas que produce; e o Premio Especial do Público, que decidirán cinco dos asistentes ao evento escollidos aleatoriamente na propia gala mediante un sistema informático.
A Gala Show Cooking levarase a cabo en directo desde as 19.30 horas no Museo Centro Gaiás, conducida polos xornalistas televisivos Yolanda Vázquez e Quique Morales. Cada cociñeiro contará co seu propio espazo de traballo, disposto en función das necesidades da súa receita, e todos rematarán os seus pratos ante os convidados.
Escribe tu comentario