​A sociedade é quen debe decidir, non os incendiarios

Miguel Angel Villalba

A principios do mes de agosto iniciouse un incendio na illa da Palma, que ademais de causar a morte dunha persoa e outros danos, acabou queimando case 5.000 has. de superficie e a súa extinción prolongouse nove días. Este incendio, iniciado por unha neglixencia e nun único punto, evidencia que nese lugar existe un problema relativo á xestión da superficie forestal, o cal debe ser solucionado para evitar que un só inicio de lume acabe xerando unha catástrofe como a ocorrida.


No caso do problema dos incendios forestais en Galicia e tras a "tradicional" vaga de incendios que se volveu a repetir este verán, son moitas as voces que opinan sobre os incendios forestais, promovendo cuestións como cambios na política forestal, cambios nos servizos de extinción de incendios, cambios na atención do mundo rural, etc., pero creo que cando nestas datas en Galicia diariamente prodúcense decenas de incendios tendo a inmensa maioría deles unha orixe intencionada, a diferenza do caso da Palma, todas as cuestións non relacionadas con esa intencionalidade dos incendios deben ser unha cuestión secundaria, sendo a cuestión principal a eliminación dese enorme número de incendios intencionados.


Saber a motivación concreta que hai tras un incendio intencionado pode ser complicado, pero diferenciar se un incendio foi producido de forma intencionada ou por neglixencias, accidente, etc., é relativamente sinxelo, polo que non debe haber dúbidas da intencionalidade da inmensa maioría dos incendios que se producen en Galicia (sobre o 80 % do total), tal e como reflicten as estatísticas oficiais.


Como indiquei, á marxe da motivación concreta que haxa detrás de cada incendio intencionado, todos eles teñen unha característica común: os seus autores buscan unha utilidade á eliminación da vexetación polo lume (se a desaparición da vexetación non tivese utilidade, non se provocaría o incendio) e o que tentan conseguir con esa utilización dos incendios intencionados é impoñer de forma violenta ao resto da sociedade a súa decisión sobre cal debe ser a situación da superficie forestal ou sobre que usos deben ou non realizarse.


Por tanto, para poder avanzar na solución do problema dos incendios forestais en Galicia a primeira medida a adoptar debe ser impedir que os incendios intencionados provoquen calquera clase de modificación tanto na situación da superficie forestal como nos usos que nela realízanse, así se conseguirá deixar claro a quen estea dispostos a provocar incendios que a súa actuación non vai ter ningunha consecuencia e que se queren promover calquera modificación da situación actual deberán facelo por outros medios.


Para lograr isto debe establecerse que despois dun incendio intencionado e durante un determinado período de tempo (cinco anos?), non se poderá realizar ningún cambio nas zonas afectadas por eses incendios e só se realizarán actuacións dirixidas a restablecer a situación anterior ou evitar maiores danos.


Todos aqueles colectivos ou persoas que teñan interese en que o problema dos incendios forestais se solucione, deberán renunciar a expor reivindicacións derivadas da existencia dos incendios intencionados e ao mesmo tempo os poderes públicos deben buscar o máximo consenso social na aplicación de todas aquelas medidas de loita contra os incendios forestais que sexan necesarias, establecendo para iso os foros de discusión e toma de decisións que corresponda.


Para adoptar esas decisións será necesario redefinir o ámbito de decisión (autonómico, comarcal, etc.) e determinar quen son os que deben participar neses procesos (representantes políticos, propietarios, conservacionistas, etc.), pero se se quere avanzar na solución do problema dos incendios intencionados, ditas decisións deben saír do consenso social e non da imposición violenta por parte daqueles que están dispostos a provocar os incendios.


Desta maneira, se antes dun incendio intencionado había eucaliptos, deberá seguir habendo eucaliptos, se antes dun incendio había matogueira, deberá seguir habendo matogueira, se antes dun incendio había gando pastando, deberá seguir habendo gando e se antes do incendio non o había tampouco deberá habelo despois, etc. Ao mesmo tempo, no foro que corresponda e respecto ao ámbito territorial que corresponda, deberá decidirse se debe haber eucaliptos nun determinado lugar ou non debe habelos, se debe pastar o gando nun determinado lugar ou non debe facelo, se se debe cazar ou non se debe cazar, etc. e esas decisións deberán respectarse do mesmo xeito que se respectan o resto de decisións que se adoptan noutras materias.


En caso contrario estarase condenado a estar continuamente cambiando as decisións mentres haxa alguén disposto a provocar incendios, ou doutra forma, serán quen estea dispostos a provocar eses incendios os que impoñen a súa visión particular ao resto da sociedade.


A segunda actuación inmediata para avanzar na solución do problema dos incendios intencionados, é acabar coa impunidade coa que actúan os incendiarios e coa percepción social da imposibilidade de facer fronte a eses incendiarios.


Acabar con esa impunidade non é algo imposible nin sequera moi difícil, xa que por unha banda non son tantas as persoas dispostas a provocar incendios e por outra banda o problema afecta de forma recorrente aos mesmos lugares.


No momento actual, existe tecnoloxía e medios para poder facer fronte a eses incendiarios, pero creo que se necesita un marco legal que facilite esa loita e tamén medios humanos e materiais adecuados. Estes medios humanos deberán ser equipos especializados na detección e persecución dos incendiarios e deben dotarse de persoal suficiente e medios adecuados para realizar esa función.


Considero que soamente cando a sociedade no seu conxunto poida impoñer a súa vontade fronte a aqueles que están dispostos a provocar incendios, será posible solucionar ese problema e avanzar en aplicar todas aquelas políticas que se consideren necesarias para que a superficie forestal cumpra as funcións que a sociedade demande dela.



Sin comentarios

Escribe tu comentario




He leído y acepto la política de privacidad

No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Más opinión
Opinadores

Galiciapress
Plaza de Quintana, 3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Aviso legal - Política de Cookies - Política de Privacidad - Configuración de cookies - Consejo editorial - Publicidad
Powered by Bigpress
CLABE