En Marea reparte as áreas de traballo na Cámara

|

Enmareacamaraautonomica


En Marea acordou "por consenso" a repartición definitiva de áreas de traballo na Cámara galega, onde Luís Villares, ademais de portavoz e presidente do seu grupo, asumirá as cuestións ligadas con xustiza e interior e, xunto coa deputada electa Paula Quineiro, a área relacionada coa lingua.


En Marea difundiu o documento de repartición no que clasifica funcionalmente as áreas segundo as comisións que funcionan no Pazo do Hórreo. Así, á institucional aparecen asignados Carmen Santos e Luís Villares.


No detalle do apartado de institucional, Santos encargarase de institucional e administración; Villares de xustiza e interior; e Eva Solla e Luca Chao dos asuntos de solidariedade internacional e cooperación, así como emigración e inmigración.


Para Obras Públicas, Medio Ambiente e Servizos adscríbese a Antón Sánchez e Marcos Cal. En concreto, Sánchez asumirá as cuestións de vivenda, ordenación territorial, urbanismo, obras públicas e mobilidade, mentres que para Cal se reserva Medio Ambiente.


Como titulares para a Comisión de Economía, Facenda e Orzamentos, En Marea opta por sinalar a Sánchez e a Manuel Lago, figurando este último como responsable das áreas de economía, facenda e orzamentos.


Mentres, o peso de Educación e Cultura recaerá en Ánxeles Cuña e Luca Chao. En concreto, Cuña ocuparase de educación e de cultura e patrimonio; Chao e Magdalena Barahona farano de universidade, Quinteiro e Villares de lingua; e de deportes, Marcos Cal.


Como xa se avanzou as titulares para Sanidade e Asuntos Sociais serán Eva Solla e Paula Verao. Solla ocuparase de sanidade e benestar; Verao e Quinteiro asumen igualdade de xénero, política social, infancia e sistema de coidados recae en Verao; Barahona ocuparase de pobreza, desigualdade e emerxencia social; Lago de emprego; Cal, de LGTBI. Por último, á fronte da área de discapacidade (diversidades funcionais/cognitivas) estarán Verao e Santos.


INDUSTRIA, MEDIO RURAL, PESCA E CRTVG


Á comisión de Industria, Enerxía, Comercio e Truismo quedan asignado Pancho Casal e Juan Merlo. O primeiro ocuparase de enerxía e turismo; e o segundo, de industria e turismo.


Davide Rodríguez e Paula Quinteiro encargaranse de Medio Rural. Os dous exercerán de portavoces en asuntos de agroganadería, alimentación e desenvolvemento rural, e das áreas de forestal e extinción de incendios, mentres que Pancho Casal analizará as cuestións de Benestar animal.


Adscritos á Comisión de Pesca estarán Pancho Casal e Juan Merlo, mentres que, ademais de ambos, tamén poderán ocuparse de asuntos destas áreas Santos e Chao. Por último, para a Comisión da CRTVG e da área de medios comunicación encargaranse Cuña e Verao.


PLURALIDADE E PROPORCIONALIDADE 


No tocante á repartición da Mesa do Parlamento, Villares advertíu este xoves que debe axustarse aos criterios de "pluralidade" e "proporcionalidade" segundo os resultados das urnas do 25 de setembro, pero tamén defendeu unha composición deste órgano "o suficientemente ampla" para que "todos os grupos" estean "representados".


E é que o Pazo do Hórreo albergou nos últimos días os primeiros contactos entre os grupos para a repartición dos postos institucionais da Mesa, órgano reitor da Cámara, que deberá quedar constituído na sesión do 21 de outubro, aínda que polo momento teñen carácter "embrionario" e a composición non quedará pechada ata a semana que vén.


En relación a esta cuestión, Villares xa avanzara que, como segunda forza galega en votos, En Marea "fará valer" esa posición, xa que entende que debe ser atendido o principio da "proporcionalidade" e contar cun posto fixo para toda a lexislatura, aínda que rexeitou anticipar "nomes" para ocupar o devandito cargo "á espera de que haxa unhas canles de negociación abertas" e se pacte unha repartición de responsabilidades segundo a "pluralidade e proporcionalidade".


Con todo, En Marea consideraría positivo que o BNG tamén puidese estar na Mesa. Neste sentido, Villares volveu a insistir este xoves na idea de que sería necesaria unha composición "o suficientemente ampla" para que "todos os grupos" poidan estar representados.


A SEMANA QUE VÉN PECHARASE A REPARTICIÓN


Este mesmo xoves produciuse un encontro entre o voceiro de En Marea e deputado electo, Luís Villares, e o que a esta hora xa é oficialmente o voceiro do grupo parlamentario socialista, Xoaquín Fernández Leiceaga. Villares tamén tivo a oportunidade de saudar ao popular Pedro Puy.


En todo caso, estes contactos adquiren polo momento un carácter informal e non se profundará no diálogo ata a semana próxima, á espera de que o PPdeG 'oficialice' se Pedro Puy segue no cargo que ocupa desde que relevou a Manuel Ruiz Rivas en 2011.


ANGROIS, POBREZA E LEI DE COMARCALIZACIÓN DE SERVIZOS


A posta en marcha dunha comisión de investigación para investigar o accidente ferroviario de Angrois, o impulso dun plan de loita contra a pobreza e a aposta por unha lei de comarcalización de servizos son algunhas das "prioridades" coas que En Marea arrincará a X Lexislatura no Parlamento de Galicia.


Explicouno o seu portavoz e deputado electo, Luís Villares, quen acudiu co resto de parlamentarios electos de En Marea ao rexistro do Pazo do Hórreo para presentar as credenciais e incidiu en que o traballo da formación xa está en marcha, aínda que a Cámara non quedará formalmente constituída ata o 21 de outubro.


Así, avanzou que as súas tarefas na Cámara focalizaranse na procura dun crecemento económico "vinculado ao benestar social" mediante "políticas activas", e tamén á loita contra a corrupción, conxugada coa aposta "pola transparencia e a democracia".


"Serán os nosos eixos fundamentais de acción política desde o primeiro día", subliñou, antes de concretar unha serie de medidas que impulsarán con carácter prioritario, como un plan de loita contra a pobreza. Non en balde, lembrou que xa en campaña En Marea reivindicou un decreto de garantías sociais mínimas con tres eixos: acabar cos desafiuzamentos, coas causas máis graves de exclusión e coa pobreza enerxética.


Tamén insistiu no impulso dunha renda "básica" para a cidadanía, introducindo "novos factores" na actual Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) para que esta sexa "completa".

relacionada ​EU pide que "se reconozcan las partes" en el espacio de En Marea
relacionada ​En Marea ve "mala fe" na omisión de documentación do caso Angrois
relacionada ​Los partidos inician los contactos para configurar la Mesa del Parlamento

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress