​Unha planta de Melide será capaz de procesar 300.000 toneladas de leite ao ano

|

Dairylacmelide


O Consello de Administración de Dairylac acordou iniciar nos próximos días a construción da torre de secado de leite nas instalacións que posúe en Melide, que supoñerá un investimento que rolda os 12 millóns de euros.


Segundo informa a compañía --integrada polas cooperativas Icos e Codeira, e auspiciada pola Xunta--, esta infraestrutura permitirá procesar máis de 300.000 toneladas de leite ao ano cando a nova construción estea a pleno rendemento, nun obra que ten un período de execución de 18 meses, polo que está previsto que se conclúa na primavera de 2018.


A construción da torre de secado do leite forma parte do plan estratéxico da compañía para desenvolver a produción de leite en po e de derivados lácteos a partir do soro procedente da elaboración de queixos, co fin de "incrementar a valorización do leite".


Dairylac destaca que esta infraestrutura conta cun proceso innovador para a posta en valor dos soros lácteos e "é esencial para o peche do proceso industrial da valorización do leite en Galicia".


Dairylac é unha compañía situada en Melide (A Coruña) dedicada á fabricación, procesamento e comercialización de derivados lácteos. A empresa dispón dunha planta produtiva de 10.000 metros. Está integrada polas cooperativas Icos e Codeira (67,35%), XesGalicia (25%) e outros pequenos investidores.


MÁIS SOCIOS E NOVOS PRODUTOS


Así mesmo, a compañía informa de que reactivou as negociacións para sumar novos socios produtores de leite a este proxecto, do que xa forman parte as cooperativas Icos e Codeira, que representan a máis de 1.400 gandeiros galegos.


Neste sentido, busca "consolidar o modelo industrial cooperativo galego", mentres se garante a compra do leite e permitirá obter unha rendibilidade maior polo produto.


Outra a liña de actuación de Dairylac é desenvolver novas gamas de produtos, que permitirán elaborar queixos premium para cadeas de alimentación especializadas en produtos gourmet, así como sinerxias con soro lácteo, que permitirá obter leite en po, manteigas, produtos de alimentación infantil e proteínas, entre outros.


POXA


Ademais, a dirección de Dairylac informou de que "mellorou substancialmente" a oferta presentada no xulgado do mercantil número 1 da Coruña para adquirir os activos das queixerías Lácteos Pérez Olveira e Alimentos Ruta Xacobea, que se atopa en procedemento concursal.


A proposta definitiva ascende a 6,3 millóns de euros, o que supón un incremento do 24,2% sobre a formulada inicialmente e un 5,4% máis que a que realizou o grupo Teodoro García Trabadelo (TGT). Tamén propón destinar 724.000 euros ao pago adicional aos gandeiros.


A dirección de Dairylac explica que as melloras introducidas no período de alegacións responden á vocación da compañía de construír un proxecto lácteo "a longo prazo, protagonizado polos gandeiros galegos e pensado para xerar valor engadido sobre a materia prima", xa que se busca "socializar os beneficios, ao ter entre os accionistas aos cooperativistas".

relacionada ​La empresa láctea Goodleit se instalará en el polígono industrial de Teixeiro
relacionada ​Os economistas apostan por que sexa a industria a que tire da economía galega
relacionada Por primeira vez no ano sobe o prezo do leite

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress