O BNG cualifica de "tomadura de pelo" o veto do Goberno á transferencia da AP-9

|

Ponton 5


A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, expresou este martes a súa "indignación" ante o "agravio" para os galegos que, ao seu xuízo, supón o veto do Ministerio de Fomento para que o Congreso dos Deputados debata a proposición de lei aprobada por unanimidade polo Parlamento de Galicia para pedir a transferencia da autoestrada AP-9.


Para Ana Pontón é "indigno" e "unha tomadura de pelo" que o Goberno en funcións que preside Mariano Rajoy impida este debate utilizando "argumentos que son falsos", segundo dixo.


En concreto, o informe de Fomento destaca en que a autoestrada AP-9 permite conectar os principais núcleos galegos "cos diferentes territorios de España e cos demais países da Unión Europea", incluído Portugal, algo que Pontón puntualizou porque "esa comunicación con Portugal faise pola A-55".


E tamén cualificou como "falso, que haxa un problema económico para realizar esa transferencia", xa que o Goberno do Estado ten 8.000 millóns "para poder rescatar ás autoestradas madrileñas", segundo asegura, á banca que as construíu "e ás construtoras que logo acaban financiando ilegalmente ao Partido Popular", abundou.


"SUBMISIÓN DE FEIJÓO"


A portavoz nacional do Bloque Nacionalista Galego asegurou que o veto do Goberno tamén pon de relevo que o presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feijóo, "está a levar á irrelevancia política ao noso país coa súa estratexia de submisión aos intereses do Partido Popular".


Ana Pontón tamén lembrou que toda a Cámara galega apoiou esta petición unánime de transferencia da autoestrada AP-9. "Isto é unha ofensa intolerable que nós cremos que debe ter unha resposta inmediata", sostivo.


Neste sentido, a líder do Bloque emprazou a todos os responsables das principais forzas políticas galegas, "incluído o señor Núñez Feijóo", a unha reunión para "definir unha estratexia" que leve a que esta autoestrada sexa transferida a Galicia. "E que podamos acabar dunha vez por todas coas abusivas peaxes que se están pagando", apostilou.


MEDIDAS PARLAMENTARIAS


A portavoz nacional do BNG acudiu este martes a Pontevedra para presentar unha das primeiras iniciativas do seu grupo parlamentario que se centrará nunha serie de medidas sobre a mobilidade. Entre elas que Galicia teña as competencias en materia de seguridade viaria e que xestione todas as infraestruturas viarias "para poder facer unha política integral que teña en conta cal é a realidade do noso país", proclamou.


Así mesmo, pedirán unha modificación da Lei de Estradas para que cambie as súas prioridades, situando ás persoas por encima do resto de formas de transporte, e farán especial fincapé na conservación das estradas "eliminando os puntos negros" que hai, sobre todo "en vías de titularidade estatal".


"Un dos obxectivos da próxima lexislatura ten que ser a posta en marcha dun novo modelo de mobilidade sustentable e de seguridade viaria", asegurou a portavoz do Bloque.


Pontón recoñeceu os avances logrados nos últimos anos pero mostrou o seu rexeitamento ás cifras "preocupantes" que nesta materia presenta Galicia cun "nivel moi elevado de mortalidade", algo que "se pode evitar" co cambio de modelo.


Segundo indicou, no último ano o índice de sinistralidade en Galicia incrementouse un 17%. "Iso quere dicir que o modelo non está a funcionar", aseverou. Entre outras cifras, Pontón tamén apuntou que cada ano morren nas estradas galegas unhas cen persoas, cun número moi importante de persoas afectadas. Estes sinistros supoñen uns 1.000 millóns de euros en perdas, un 2% do Produto Interior Bruto galego (PIB) e repercute en aspectos como o encarecemento dos seguros, explicou.

relacionada ​Fomento veta debater no Congreso a tranferencia a Galicia da AP-9

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress