Máis dun terzo dos ourensáns vive fóra de España

|

Emigracion


Os ourensáns no exterior de España creceron un punto porcentual no último ano ata representar o 35,5% do total da poboación provincial, mentres que se acentúa o envellecemento da poboación residente. Así o sinalan os datos do Observatorio Económico Ourensán, publicados este mércores e que tamén destacan un descenso do paro durante o terceiro trimestre de 2016.


O profesor da Universidade de Vigo, Andrés Mazaira, e o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, foron os encargados de presentar as conclusións do Observatorio Económico Ourensán referidos ao terceiro trimestre do ano e que, a partir de agora pasarán a actualizarse de forma permanente para a súa consulta a través da web da Deputación.


O observatorio confirmou unha "aceleración das tendencias negativas" no ámbito demográfico, tanto relativas á perda de poboación residente na provincia como ao seu envellecemento.


OURENSE PERDE UN 1,16% DE POBOACIÓN NUN ANO


Así, baseándose nos datos do padrón municipal entre xaneiro de 2015 e de 2016, o Observatorio confirmou que a provincia perdeu un 1,16% de poboación, ata situarse nas 314.705 persoas. Trátase dunha caída 0,63 puntos superior ao descenso medio na Comunidade Autónoma.


Pola contra, en leste mesmo período, o número de ourensáns inscritos no Padrón de Españois Residentes no Estranxeiro (PERE) creceu un punto ata situar nun 35,5% da poboación provincial (111.674 ourensáns) a súa poboación que reside fóra de España.


Por outra banda, a análise alerta de que "só dúas comarcas" (Ourense e Valdeorras) están por baixo da media provincial de idade, que este ano superou por primeira vez a barreira dos 50 anos.


BAIXADA DO PARO


En materia laboral, o Observatorio incidiu en que a provincia encadeou "sete meses consecutivos con significativos recortes do paro" e que na actualidade Ourense contabiliza 5.264 parados menos que no mes de marzo.


Outro dos datos positivos é que, desde o inicio das análises, esta rexeneración laboral mantívose "por primeira vez" ata setembro, "en contraste co resto de Galicia", onde ese mes marcou "un cambio de tendencia".


"De perdurar as tendencias, a partir do segundo trimestre de 2017 Ourense estaría en disposición de situarse por baixo da barreira dos 20.000 parados", confirmou o Observatorio.


Os datos feitos públicos este mércores reflicten que o rexistro actual de 21.049 parados "é a cifra máis baixa desde o inicio da crise económica" e "devolve á provincia aos valores do ano 2008".


AFILIACIÓNS Á SEGURIDADE SOCIAL


Por outra banda, o Observatorio tamén destacou un auxe no número de afiliacións á Seguridade Social, con "oito trimestres con incrementos en taxa interanual" e cun total de 1.322 afiliacións no terceiro trimestre de ano, que supón o cuarto incremento máis importante desde o ano 2011.


Por último, os datos tamén reflectiron un superávit dun 170% na balanza comercial da provincia. O volume de exportacións da economía ourensá entre xaneiro e agosto foi de 500 millóns de euros, cunha media mensual situada entre os 60 e 70 millóns.

relacionada ​Tres cuartas partes dos emigrados nin pensa en volver a curto prazo
relacionada Boas condicións laborais e servizos públicos, claves para a demografía
relacionada ​O declive demográfico e a crise afectan especialmente á provincia de Lugo

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress