​Outro chanzo para o gran grupo lácteo

|

Cooperativasgalegasleite


As asembleas das cooperativas galegas Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas deciden este luns, 31 de outubro, se se integran nun grupo de referencia no sector lácteo.

A partir do mediodía comezarán as votacións nas que os cooperativistas terán a potestade de dar luz verde ou non a un grupo lácteo que xa foi validado polos consellos reitores de Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas a comezos de outubro.

No caso de que algunha das catro vote polo non, o proxecto seguirá adiante a condición de que polo menos tres cooperativas votasen a favor. Tras iso, entre novembro e decembro está previsto que se proceda á constitución da nova cooperativa e inscrición no rexistro. Se sae adiante, o comezo de operacións prevese a partir do 1 de xaneiro de 2017.

O obxectivo desta unión é gañar volume e conseguir unha maior eficiencia coa integración de servizos e o abaratamento de custos, no marco dun mercado de leite marcado pola volatilidade de prezos. Arrinca con catro cooperativas, pero está aberta á incorporación de máis, co único requisito dun capital mínimo de dous millóns de euros.

No momento da presentación desta iniciativa, o presidente de Feiraco, José Montes, definiuna como "unha luz que se abre no ámbito que sempre se propuxo Galicia" a través de "sucesivas administracións", "de todos os partidos políticos", que "tiveron sempre como reto isto".

RADIOGRAFÍA DA UNIÓN


Feiraco, Os Irmandiños, Melisanto e Xallas integraríanse así nunha cooperativa de segundo grao, na que cada unha manterá o seu nome sen que haxa unha fusión, que operará a nivel autonómico, pero con miras ao Noroeste estatal, co obxectivo de estruturar o sector en Galicia e apostar pola reindustrialización.

De tal forma, no caso de que se peche o proxecto agrupará a 4.340 gandeiros que producen 410 millóns de litros de leite --150 millóns destes litros procésanse nas cooperativas, que saen ao mercado co nome de Feiraco e Clesa--, co obxectivo de ocupar o 20% da produción galega. Ademais, elaborarán nas súas fábricas 240.000 toneladas de pensos e forraxes.

No último exercicio, a facturación agregada das catro cooperativas foi 196 millóns de euros --todas con contas saneadas en 2015--, mentres que este proxecto nacerá con máis de 37 millóns de fondos propios --Feiraco (17 millóns), Irmandiños (11,6 millóns), Melisanto (4,7 millóns) e Xallas (4,3 millóns).

Existe o compromiso de manter o cento por cento do emprego, cun persoal total próximo aos 400 traballadores.

Na actualidade, Feiraco conta con 1.978 socios e 208 traballadores; Os Irmandiños, 927 socios e 94 traballadores; Xallas, 781 socios e 22 traballadores; e Melisanto, 656 socios e 37 traballadores.

relacionada ​Catro cooperativas galegas queren integrarse nun grupo lácteo
relacionada Feiraco e as cooperativas dedican un día ao empoderamento das mulleres do agro

Sin comentarios

Escribe tu comentario




No está permitido verter comentarios contrarios a la ley o injuriantes. Nos reservamos el derecho a eliminar los comentarios que consideremos fuera de tema.

Pressdigital
Plaza de Quintana ,3 15704 Santiago de Compostela
Tlf (34)678803735

redaccion@galiciapress.es o direccion@galiciapress.es
RESERVADOS TODOS LOS DERECHOS. EDITADO POR POMBA PRESS,S.L.
Condiciones de uso Consejo editorial
Powered by Bigpress