A Sección Primeira da Audiencia Provincial da Coruña celebrará o vindeiro martes, 3 de abril, un xuízo a J.D.R, a quen Fiscalía pide 13 anos de prisión por intento de asasinato á súa esposa ao asestarlle dúas coiteladas o 12 de febreiro de 2017.

No escrito de acusación, a fiscala expón que o acusado atopábase ese día na súa vivenda familiar na que residía coa súa esposa, a pesar de estar rota a relación entre eles desde hai tempo.

O home tentou retomar a relación e logo da negativa da muller, colleu un coitelo da cociña de 12 centímetros de folla e sen mediar palabra asestoulle dúas puñaladas.

O acusado cravoulle o coitelo á muller na rexión escapular esquerda e após virarse ela acoitelouna de novo no hemitórax esquerdo, "todo iso coa intención de acabar coa súa vida". A vítima necesitou asistencia médica e varios días para a súa curación, despois tivo secuelas como cicatrices.

Os feitos constitúen un delito de asasinato en grao de tentativa, co agravante de parentesco e de violencia de xénero. Ademais, pídese para o acusado que non poida achegarse á vítima durante 15 anos, así como unha indemnización de 6.500 euros para ela.

POWERED BY BIGPRESS