As oficinas técnicas da seca das dúas demarcacións da comunidade, a de Galicia-Costa e a do Miño-Sil, reúnense este venres nun escenario distinto ao dos seus últimos encontros, celebrados a principios do mes de febreiro.

Após un marzo moi chuvioso, todo apunta a que os distintos subsistemas en que se dividen as concas hidrográficas poderán deixar a situación de prealerta (alerta no caso da zona inferior do Sil e do río Cabe) e volver á normalidade.

Así as cousas, os técnicos analizarán os indicadores nun contexto que, segundo recoñecen fontes da confederación hidrográfica do Miño-Sil consultadas por Europa Press, "mellorou moito". En Ourense, a cita está fixada para as 10,00 horas.

O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, informou hai dous meses de que se mantiña a prealerta na totalidade da conca até conseguir a normalidade dos recursos hídricos, centrado no caudal dos ríos e as augas subterráneas, tendo en conta que o nivel dos encoros xa aumentara de maneira considerable.

Após decretarse a prealerta en xaneiro de 2017, a situación chegou ao seu momento máis crítico a finais de ano, con toda Galicia en alerta por seca. A partir dese mes comezaron a pasar borrascas pola comunidade, que incrementaron os recursos por todo o territorio.

POWERED BY BIGPRESS