O circuíto de exhibición cinematográfica 'Cinemas de Galicia' inicia este venres no municipio pontevedrés de Bueu a programación para 2018.

Esta proposta cultural, que chega da man da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), arrincará no Centro Social do Mar de Bueu coa proxección este venres 4, ás 21,00 horas, de 'Santoalla'.

Será a primeira das 19 que terán lugar entre os meses de maio e xuño nos concellos asociados este ano, ademais de Bueu, Allariz, Cariño, Cedeira, Celanova, Foz e O Grove súmase tamén Cangas como nova incorporación.

Os veciños de Bueu tamén poderán ver o 1 de xuño 'Verán 1993'. Ambas as películas foron presentadas por Jacobo Sutil, director da Agadic; Xosé Leal, concelleiro de Cultura e Alba Sotelo, presidenta do Cineclub Bueu, que participa activamente na iniciativa.

Jacobo Sutil explicou que 'Cinemas de Galicia' mantén os mesmos obxectivos cos que empezou a andar en 2014. Por unha banda, busca ofertar novas vías de distribución ás películas galegas e, por outro, incrementar o número de pantallas cinematográficas na comunidade.

Estes propósitos compleméntanse coas finalidades de incentivar o consumo cinematográfico entre a cidadanía e de achegar a sétima arte a concellos que non teñen dispoñibles salas comerciais nestes momentos.

Despois destes primeiros anos, Jacobo Sutil cre que 'Cinemas de Galicia' "inicia o camiño da súa consolidación" a través dunha rede de oito municipios membros e dun calendario de proxeccións deseñado por cada concello sobre o catálogo de 20 películas galegas e internacionais que lles oferta Agadic.

POWERED BY BIGPRESS