Este luns 1 de xullo, ás 11,00 horas, celebrarase unha reunión na que o fondo de investimento suízo Parter Capital pronunciarase sobre a súa solvencia financeira para acometer a compra das plantas da Coruña e Avilés (Asturias) de Alcoa, nun encontro no que estará presente o Ministerio de Industria.
Tras a reunión, o Comité de Empresa de Alcoa na Coruña fixará unha data para realizar unha asemblea e informar das cuestións abordadas durante este encontro.
A reunión do pasado venres 28 de xuño entre Alcoa e os representantes dos traballadores saldouse cun envorco na situación das negociacións, tras decidir a empresa a paralización temporal da venda das plantas.
O encontro estendeuse até altas horas da madrugada e finalizou cunha prórroga do proceso do ERE até o 8 de xullo, para dar a oportunidade ao fondo suízo a explicar a súa situación.
A empresa trasladara as súas discrepancias sobre a liquidez que Parter vai entregar para manter a carga de traballo na zona, xa que tan só proporía activos non líquidos para o mantemento da actividade en ambas as plantas.
A factoría de aluminio da Coruña conta con preto de 370 empregos e a de Avilés cuns 320.