Un total de 28 actividades dedicadas ao envellecemento activo conforman a nova oferta do curso 2019/2020 para as persoas maiores de 60 anos ou máis, que estean empadroadas no Concello de Ourense.

O conxunto destas propostas de saúde e de lecer contarán cun prazo de inscrición que se abre este mércores, 25 de setembro, e que concluirá o 2 de outubro, segundo precisou o Consistorio.

Entre as novas propostas destacan as actividades para a iniciación ás redes sociais, curso de manexo e uso de dispositivos móbiles, baile de verbena, ximnasia abdominal hipopresiva, estimulación da memoria e estimulación cognitiva.

Ademais, as que xa existían continúan no programa e algunhas contan cunha alta participación como a ximnasia, teatro, actividades físicas e memoria, pilates, risoterapia, manualidades creativas ou ioga.

Para participar nestas propostas, a administración local abriu un formulario para cubrir por Internet en www.ssociaiscursos.com ou tamén posibilita o rexistro presencial no Centro Cívico Colón ou as oficinas atención cidadá da cidade.

POWERED BY BIGPRESS