A Consellería de Medio Rural volveu a abrir as solicitudes de permisos para facer queimas de restos agrícolas e forestais, "posto que as condicións meteorolóxicas así o permiten", asegura a Xunta nun comunicado. Isto significa que este mércores, 9 de outubro, será a primeira xornada para realizar queimas previamente comunicadas.

Por tanto, xa se poden tramitar as peticións de autorización de queimas a través da páxina web de Medio Rural. Ademais, en días laborables, tamén estará a disposición dos cidadáns o teléfono 012 para comunicar as queimas.

Deste xeito, quen desexe queimar restos agrícolas acumulados nas zonas autorizadas pola lei galega de prevención e defensa contra os incendios forestais, deberán comunicalo dous días antes.

No caso de restos forestais, deberase solicitar unha autorización debido ao risco da actuación, sendo maior o proceso de tramitación.

En todo caso, a Xunta lembra que as autorizacións e comunicacións deixan de ter validez nos días que hai vento e altas temperaturas.

POWERED BY BIGPRESS