Plan de Turismo Puertas de Galicia inicia a súa andaina de presentacións polas principais cidades de Galicia, co fin de amosar todos os recursos turísticos das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras (máis de 500 quilómetros sinalizados nas trece rutas cicloturísticas na comarca de Verín-Monterrei, e as doce de Conso-Frieiras xunto co centro BTT Puertas de Galicia; lagares rupestres, patrimonio cultural e natural, ou oferta gastronómica e vitivinícola da zona, entre outros).



Esta promoción, que se inclúe dentro das actividades propias do Plan de Competitividade Turística Puertas de Galicia, ten dous obxectivos concretos: amosar o territorio das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras (Xeodestino Verín-Viana), aos mercados emisores de proximidade, e promover o noso territorio directamente a público final. A través da mesma darase a coñecer estas dúas bisbarras bisbarras a bo número de potenciais visitantes nun ámbito próximo non maior a dúas horas, o que axudará a desestacionalizar o turismo e que nos poidan visitar ao longo de todo o ano.



Co obxecto de acadar devanditos obxectivos, o pasado día 07 de febreiro arrancaba no Centro Comercial Ponte Vella de Ourense o Road Show de Puertas de Galicia, cun stand no que os/as visitantes poderán degustar receitas típicas ou catar os viños da Denominación de Orixe Monterrei, e no que os/as menores tamén contarán co seu propio espazo lúdico. 


Este Road Show , que se instalará nos principais centros comerciais de cada cidade, xa visitou Ourense,Pontevedra, e proximo día 21 visitará Vigo, para continuar os seguintes fines de semana en Lugo, A Coruñae Santiago de Compostela.



Durante cada xornada desta iniciativa terán lugar diversas actividades como a elaboración, en show cooking por parte do cociñeiro Luis Vidal, de receitas, como "Falso ovo con escuma de pataca e chourizo ceboleiro", "Caramelos crocantes de mazá e viño da Denominación de Orixe Monterrei" ou “Roxón e chocolate picante”. Tamén os/as visitantes poderán participar en breves sesións de cata guiada dos viños da Denominación de Orixe Monterrei, pedalear coñecendo as rutas cicloturistas do territorio ou fotografarse no posto e gañar unha Escapada de fin de semana a Puertas de Galicia para dúas persoas. Mentres que os/as nenos/as poderán gozar nos seus obradoiros de manualidades, aprendendo a elaborar as súas máscaras de Entroido ou as "chocas".



O Plan de Competitividade Puertas de Galicia está promovido por Turespaña, Secretaría Xeral para o Turismo da Xunta de Galicia e once municipios (Cualedro, Laza, Monterrei, Oímbra, Riós, Verín, Vilardevós, A Gudiña, A Mezquita, Viana do Bolo e Vilariño de Conso), integrados na Asociación de Municipios para o Plan de Competitividade Turística das comarcas de Monterrei e Conso-Frieiras, e a Asociación de Empresarios de Turismo e Hostalería Puertas de Galicia. Entre os obxectivos deste plan están a busca de especialización tanto no destino como no produto, deseñar unha oferta capaz de introducir a experiencia turística como elemento motivador da viaxe, así como a busca da mellora da competitividade das PEMES e MPEMES turísticas para lograr a sostenibilidade do territorio. 

POWERED BY BIGPRESS