O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou no acto conmemorativo do 98º cabodano da morte de Eduardo Pondal, organizado pola Fundación Eduardo Pondal na Coruña, ao pé do busto do poeta nos xardíns de Méndez Núñez. Durante o acto, os pequenos fixeron unha ofrenda floral ante o monumento.


Como cada ano, a fundación de Ponteceso -constituída en recordo do bardo- se desprazou ata o lugar onde se erixe o busto de Eduardo Pondal para conmemorar o aniversario da súa morte, fai xa 98 anos.


Foi unha emotiva homenaxe, onde as flores, a música e os versos foron os elementos principais dunha celebración na que participaron adultos e nenos. Converteron así este espazo nun escenario aberto para que todo aquel que paseaba nese momento polo lugar se decatase do aniversario deste médico de formación que pronto descubriu que a súa verdadeira vocación estaba na lírica.


Baile tradicional


A coral Oliveira encargouse de interpretar o himno galego, a fin de contas, a súa letra é un poema de Pondal. Tamén se encargaron de recitar outros versos do bardo de Bergantiños.


O son da gaita e o tambor estendeuse polos xardíns grazas ao grupo Inllar. Ademais, os seus integrantes ofreceron aos asistentes unha exhibición de bailes tradicionais.


Cada un dos asistentes portaban unha flor. Dende o máis pequeno ata o de máis idade depositou a pés do busto do poeta cada unha, para ser parte da ofrenda floral. 

POWERED BY BIGPRESS