O Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia (CPXG), a través da súa demarcación en Lugo, organiza un debate electoral entre seis candidatos á alcaldía de Lugo. Celebrarase o vindeiro martes, 12 de maio, ás 18.30 horas no IES Nosa Señora dos Ollos Grandes da cidade da muralla. O acceso é libre ata completar o aforo.


O salón de actos do instituto acollerá a seis dos representantes das formacións políticas que se presentan o vindeiro 24 de maio: Rubén Arroxo do BNG Lugo -Asembleas Abertas; Jaime Castiñeira do PPdeG; Olga Louzao de Ciudadanos; José López Orozco do PSdeG-PSOE; Carlos Portomeñe de Alternativa Cidadá de Esquerdas - Esquerda Unida; e Santiago Rocha de Lugonovo.


O debate estará moderado pola colexiada e xornalista de Radio Lugo - Cadena SER, Tania Lombao (Castro Ribeiras de Lea, 1989). Tamén é colaboradora de El País, Europa Press e Axencia EFE. Actualmente compaxina o seu traballo na radio coa súa tese doutoral.


Estrutura do debate

As intervencións versarán sobre cinco bloques temáticos máis unha quenda inicial de presentación e outra final de conclusión. Os temas a tratar serán de actualidade como dotación de servizos no HULA (Hospital Universitario Lucus Augusti); a corrupción, que tras o paro é o principal problema para a cidadanía ou pactos e alianzas postelectorais moi probables segundo as enquisas. Os candidatos tamén terán oportunidade de expoñer as súas propostas sobre diferentes materias. As quendas de intervención serán dun minuto e de trinta segundos para réplica.


Os debates electorais

No mes de abril o Colexio de Xornalistas lanzaba unha proposta ás formacións políticas ofrecéndose a organizar debates electorais. O CPXG defendeu desde sempre estes encontros entre as distintas ofertas electorais como unha das condicións necesarias para que a cidadanía tome libremente a súa opción de voto. Con tal fin, elaborou un documento que lle fixo chegar as formacións políticas que concorren ás urnas o vindeiro día 24. Polo de agora, o Colexio só obtivo resposta positiva en Lugo.

O alcalde de Lugo, José Clemente López Orozco           Jaime Castiñeira, voceiro do PP de Lugo

POWERED BY BIGPRESS