O presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijóo, volveu a pedir este xoves nun mitin en Marín o voto para o seu partido fronte aos "extremismos". Na recta final da campaña, o líder popular tratou de convencer aos que se expoñen a abstención ou apoiar a gobernos que non teñen que ver coa súa forma de pensar, asegurando que o voto crítico e esixente para o PP é a mellor opción.


Acompañado da candidata popular e alcaldesa de Marín, María Ramallo, Feijóo reiterou as proclamas de campaña segundo as cales a crise económica foi provocada polo Goberno socialista e a situación actual é de mellora crecente.

O líder popular e presidente da Xunta fixo un repaso pola historia política desde a Transición e criticou a traxectoria do BNG e do PSOE fronte ao PP, que ao seu entender favoreceu os avances con gobernos unidos. Para Feijóo, as eleccións do domingo expoñen dúas opcións de goberno, unha de "extremismos" e outra pola maioría ampla do PP. Referiuse tamén a cuestións particulares de Marín, como o urbanismo, a educación e a cultura, todas resoltas adecuadamente polo PP, na súa opinión. 
POWERED BY BIGPRESS