Abel Caballero celebrando o triunfo 


O Alcalde de Vigo, Abel Caballero, subliñou que a cidade "falou con claridade" e que a súa mensaxe é que "quere seguir progresando", nunha "senda de avance, de progreso e transformación, e que a sigamos defendendo".


O PSOE obtivo 17 concelleiros, tres máis dos que necesitaba para gobernar en solitario. Mentres, o PP, cuxa candidatura lidera Elena Muñoz, sacou o seu peor resultado histórico ao pasar de ser a forza máis votada, con doce concelleiros, a segunda, con sete. A Marea de Vigo, co coordinador local de EU, Rubén Pérez, á cabeza, irrompe con tres edís, os que perdeu o BNG, que queda sen representación, co que o pleno seguirá sendo tricolor.


Caballero, eufórico por este "apoio sen precedentes na historia da democracia en España", insistiu en que Vigo "dixo o que quería, como e con quen".

Expresou o seu "inmenso e infinito agradecemento" por este resultado, o mellor do PSOE en Vigo, que asume "con entusiasmo e unha gran responsabilidade", á vez que "con humildade", e neste sentido comprometeuse a seguir "falando con toda a cidade", pola que traballará as 24 horas, os 365 días do ano.

O rexedor vigués, que dixo experimentar "o momento de máis emoción" de toda a súa traxectoria política, insistiu en que a defensa da cidade será a súa primeira, segunda e terceira prioridade.

Tivo palabras de recoñecemento para os outros partidos que concorreron ás eleccións e significou que "en democracia hai que saber perder e gañar, e nós sabemos gañar".

No capítulo de homenaxes, destacou á súa muller, Cristina, no ámbito persoal, e no político, a Carmela Silva polo "miúdo campañón" que dirixiu.

POWERED BY BIGPRESS