A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, recibiu a unha delegación do Goberno de Filipinas que estes días visita Galicia para coñecer a experiencia turística da Comunidade galega. Nesta xuntanza, Nava Castro, fixo un repaso pola oferta, salientado as posibilidades que ofrece o territorio galego como multidestino turístico. Explicou os principais produtos do turismo galego e tamén se referiu ás distintas zonas do territorio que conforman a marca Galicia.


Nava Castro, explicoulles tamén as principais liñas de promoción que desenvolve o departamento que dirixe, engadindo datos sobre as políticas de fomento ao sector e a estrutura deste en Galicia, así como da propia organización Turismo de Galicia.


Visita ao CSHG e á sede do Xacobeo


A misión filipina, encabezada pola subsecretaria de Turismo de Filipinas, María Victoria Jasmin, que está acompañada polas directoras rexionais María Ong-Ravanilla e Nelly Dillera, ademais do alcalde da cidade de Legazpi, Noel Rosal, puido coñecer o funcionamento do Centro Superior de Hostelería de Galicia (CSHG).


Na visita a este centro docente dependente de Turismo de Galicia estiveron acompañados pola súa directora, Patricia Cuevas, quen lles explicou o funcionamento da institución tanto no eido de aloxamento como de cociña.


Máis tarde, os representantes do Goberno filipino trasladáronse á sede da Sociedade de Xestión do Plan Xacobeo, onde foron recibidos polo seu xerente, Rafael Sánchez Bargiela.


Sánchez Bargiela faloulles do Camiño de Santiago, as súas rutas e todo o que supón o fenómeno xacobeo, tanto en Galicia como no resto do mundo.


Ademais, referiuse ás tarefas de conservación e promoción da Ruta, facendo especial fincapé nos Anos santos.


Nesta reunión, o xerente do Xacobeo tamén lles explicou o funcionamento da rede de albergues do Camiño de Santiago, así como o papel da Administración autonómica na recepción e atención aos peregrinos.


Normativa e calidade turística


Mañá está previsto que esta delegación da Administración turística do Goberno filipino se achegue ata a sede de Turismo de Galicia para se entrevistar co director de Competitividade, José Luis Maestro, quen lles informará sobre a lexislación en materia turística de Galicia, así como das relacións coas empresas turísticas para o fomento e a innovación deste sector na Comunidade galega.


Ademais, na xornada de mañá, poderán coñecer o Sistema de Calidade Turística de España e a súa aplicación en Galicia a través da marca Q.


Por último, este grupo de representantes do Goberno filipino terán a oportunidade de coñecer a política de apoio empresarial e proxectos emprendedores a través dunha visita ao Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE).

POWERED BY BIGPRESS