O fiscal do caso Alvia, Antonio Roma, asegurou que é "moi difícil" que poidan producirse novas imputacións polo accidente ferroviario ocorrido o 24 de xullo de 2013 en Santiago de Compostela ao considerar que "os informes periciais dixeron o que dixeron". 


Nunha entrevista concedida á Radio Galega, recollida por Europa Press, asegurou que respecta as críticas das vítimas do accidente, que o acusan de defender os intereses de Adif e Renfe, pero destacou que a súa opinión no proceso "baséase única e exclusivamente en criterios xurídicos". Precisou que, na instrución xudicial, o criterio é "única e exclusivamente" a determinación da responsabilidade penal e patrimonial derivada dunha conduta delituosa.

"Un accidente desta categoría pódese ver desde o ámbito da seguridade ferroviaria, e hai unha comisión para investigar os accidentes ferroviarios; desde a responsabilidade política, e non é o noso caso; e, despois, desde a responsabilidade penal", dixo. "A responsabilidade penal ten as súas regras e non é que sexa eu, é que é a Audiencia Provincial, son tres maxistrados quen descartaron rapidamente esa imputación de delito contra a seguridade pública e tamén outras posibles imputacións", manifestou en referencia á aos excargos de Adif que foron desimputados.

Por iso, preguntado polo escrito no que o maquinista que conduciu o Alvia ata Ourense pide a imputación de catro directivos de Adif, o fiscal insistiu en que "é moi difícil" que se produzan novas imputacións nestes momentos. Aínda así, avanzou qu estudará todos os escritos.  
POWERED BY BIGPRESS