Imáxen do público nas touradas da Coruña, no verán de 2012

A Feira Taurina, cuxo contrato decidiu suspender o IMCE por razóns de interese público, xerou uns gastos ao Concello da Coruña de, ao menos, 2,2 millóns de euros nas últimas dúas décadas.


Segundo os cálculos do Concello coruñés, dende o ano 95, o festexo, que tiña lugar no Coliseum (obrigando a que o recinto se acondicionase especialmente) xerou uns gastos ao IMCE de 2.223.200,78 euros, entre os custes dos contratos de organización e outros de tipo xurídico (por exemplo indemnizacións pola caída dun espectador ou pola adxudicación do contrato no ano 2005).


O custe que supuña para un organismo público dependente do Concello esta actividade, así como a escasa afluencia de público en cada edición, foron dúas razóns de peso que impulsaron ao Goberno local a rescindir o contrato coa empresa promotora. Ademais, tamén existía a promesa política de non ceder espazos públicos nin financiar espectáculos nos que se maltraten animais.


O Goberno local calcula que este ano a Feira Taurina, de terse celebrado, traería aparellado un custe aproximado de 60.000 euros. Coa súa suspensión, o Concello espera obter un aforro de 50.000 euros.



O pasado 13 de xullo, o IMCE iniciou o expediente de extinción anticipada do contrato e suspensión da Feira Taurina por razóns de interese público. O alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, indicou entón que o Concello “non ten capacidade para prohibir unha actividade como esta, pero si que a ten para ceder ou non o Coliseum para este tipo de espectáculos”.


Ao longo dos últimos 20 anos, tan só en cinco ocasións os gastos que asumiu o IMCE con respecto á Feira Taurina baixaron dos 100.000 euros por edición.

POWERED BY BIGPRESS