O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, vén de convocar o "I Cumio de alcaldes e alcaldesas" co obxectivo “poñer en común proxectos e experiencias a prol da provincia dun xeito participativo e aberto, para desenvolver unha política máis conectada coa realidade local de Ourense”, afirma o presidente do goberno provincial. A cita será en Expourense o 4 de setembro.

Na carta remitida aos alcaldes, Baltar afirma que a intención é ofrecer “a miña máxima dispoñibilidade” para abrir unha canle de comunicación permanente cos concellos, “procurando a prestación de servizos públicos coa máxima calidade, pois todos os veciños e veciñas da provincia teñen os mesmos dereitos residan onde residan”, e engade que os campos para esa cooperación “son ilimitados e poden abranguer cuestións no ámbito das infraestruturas, no eido medioambiental, e mesmo actuacións culturais, enerxéticas ou deportivas, sen descoidar a innovación como asistir e cooperar en materia de transparencia institucional”.


Esta medida, incluída no Plan de Goberno Ourense 15-19, permitirá segundo o presidente“formular suxestións á política provincial, informar dos plans da Deputación e facer unha valoración dos mesmos. Todo elo para desenvolver unha política máis interactiva e achegada ao cidadán”. “Inauguramos un novo xeito de relacionarnos entre administracións cun obxectivo común irrenunciable: Ourense”, destaca Manuel Baltar, quen explica na carta que os alcaldes terán a oportunidade de expoñer as cuestión que teñan a ben, e para unha mellor coordinación e axuste de tempos na xuntanza, proponlles aos que queiran intervir na reunión cun rogo ou unha pregunta os fagan chegar antes do 2 de setembro ao enderezo electrónico: cumiou@depourense.es.

POWERED BY BIGPRESS