O Comité Intercentros da CRTVG foi claro e rotundo no seu rexeitamento ao acordo acadado entre o PPdeG e o PSdeG para renovar o Consello de Administración da CRTVG. Un acordo no que aos populares lles outorgan 4 membros e aos socialistas 2.


Este pacto representa un grave atentado ao pluralismo existente no país ao deixar fóra do órgano de administración da CRTVG aos grupos parlamentarios de AGE, BNG e mixto, mesmo en contra do criterio de proporcionalidade”, denuncia este órgano a través dun comunicado.


“A gravidade do acordo acrecéntase ao blindar a maioría absoluta do Partido Popular no Consello de Administración por un período de 5 anos, a só un ano das eleccións autonómicas nas que unha hipotética mudanza na composición do Parlamento, no que o Grupo Parlamentario Popular perda a súa actual maioría, podería supoñer o bloqueo á renovación do órgano de goberno dos medios públicos con tan só manter esa forza política 25 escanos”, engade.


Ademais, critica que non se teñan incorporado “aspectos fundamentais” regulados pola Lei 9/2011, de 9 de novembro, dos Medios Públicos de Comunicación Audiovisual de Galicia; entre eles, a elección dun novo director ou directora xeral por maioría cualificada de dous terzos, que garanta a súa imparcialidade. Tampouco se aborda a aprobación do mandato marco que asegure un financiamento estable, unha garantía de produción propia interna e o mantemento dos postos de traballo na CRTVG.


Tamén denuncia que se omite a aprobación do estatuto profesional e do consello de informativos co fin de garantir a profesionalidade e a independencia dos contidos, ou a regulación do dereito de acceso dos grupos sociais e políticos significativos do país como condición necesaria do pluralismo.

POWERED BY BIGPRESS