Galicia conta cun 24,2% de dependentes con dereito a prestación pendentes de atención, fronte ao 14,91% da media estatal, segundo o XV Ditame do Observatorio da Dependencia, feito público este mércores pola Asociación Estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais. Segundo este informe, o número de solicitudes, a 30 de xuño, era de 79.532, 77.083 delas valoradas. As persoas con dereito a prestación ascendían 51.342, dos que estaban atendidos 38.916, fronte a 12.426 pendentes de recibila.


A Asociación Estatal remarca no seu Ditame que o feito de que a lista de espera “chegue ao 24%” en Galicia “constitúe un gravísimo problema”.


Tamén indica que “o feito de que nesta autonomía se optara pola prestación de servizos, axuda a domicilio no último ano, en detrimento das prestacións por coidados familiares dificulta un maior ritmo o que xera baixas de persoas con dereito das que seguramente un bo número falece sen atención”, remarca.


SOLICITUDES


De acordo cos datos do informe, o número de persoas dependentes beneficiarias ascende un 1,42%, por debaixo da media estatal, que se sitúa no 1,60%. As solicitudes ascenderon ao 2,89%, en comparación coa media estatal que se situou no 3,37%.


Os ditames situáronse no 2,80% fronte ao 3,21% estatal. Mentres, o gasto público en dependencia por habitante foi inferior aos 94 euros, por debaixo da media do Estado que se situou, segundo o citado informe, en 104 euros.


ROZA O APROBADO


Con todo, Galicia roza o aprobado en canto á xestión na avaliación realizada no citado informe. Por enriba, figuran Castilla e León (9,58), País Vasco (7,92) e Andalucía (7,50). Entre o aprobado e notable están Extremadura (6,67) e La Rioja (6,67).


As seis comunidades que rozan o aprobado (todas elas con 4,58 puntos) son Asturias, Castilla-La Mancha, Navarra, Cataluña, Cantabria e Galicia. Pola contra, suspenden as comunidades de Baleares, Canaria, Aragón, Murcia, Madrid e Comunidade Valenciana, así como Ceuta e Melilla.


SITUACIÓN EN ESPAÑA


O ditame sinala tamén que en España hai un total de 1.191.406 persoas dependentes con dereito recoñecido a recibir prestacións, das cales en torno a 750.000 as reciben de forma efectiva, e, a data do pasado 30 de xuño, 75.646 están á espera de valoración. Así, cifra nun 37% a porcentaxe de persoas que, malia ter recoñecido o o seu dereito, non reciben prestación de ningún tipo.


Ademais, indica que, malia que se reduciu a lista de espera para recibir prestacións nun total de 175.000 persoas, iso “non se debe a un incremento” no número de persoas atendidas”, senón ao falecemento tanto de persoas en lista de espera como persoas que estaban a recibir prestacións.


A media de idade das persoas con dereito a prestacións por dependencia supera os oitenta anos e a lista de espera para comezar a recibir prestacións é de en torno a dous anos.

POWERED BY BIGPRESS