Fábrica de Ence na ría de Pontevedra
O Servizo provincial de Costas ratificou a vixencia da concesión de Ence na ría de Pontevedra no seu informe definitivo sobre a cuestión da caducidade da autorización estatal. Pola contra, no devandito informe si se declara a caducidade de concesión de campo de fútbol situado ao lado da Praza dos Praceres.
A alcaldesa de Pontevedra en funcións, Carmen da Silva, lamentou que Costas non tivesen en conta as alegacións do concello, pero confesou que o Goberno local non era “optimista” respecto ao seu futuro, xa que tanto dende o Goberno do Estado coma dende a Xunta levan tempo traballando para poder prorrogar a presenza de Ence na ría”.
“Ao final son unha unidade de destino no universal”, sinalou a rexedora en funcións respecto á presenza de exconselleiros e exministros do Partido Popular no Consello de Administración de Ence.
Tras ser aclarada a vixencia da concesión, esta resolución de Costas permite que a dirección da empresa pastera poida solicitar ao Estado a prórroga da concesión, que en principio finaliza no ano 2018.
Agora, a estratexia política do Goberno local é “facer todo o que estea nas mans do Concello para que Ence saia da ría”, declarou Carme da Silva.
Ademais, adiantou que os servizos xurídicos do Concello estudarán, dende o punto de vista legal, todas as opcións posibles para evitar esta decisión, pero tamén indicou que esta oposición tamén se manterá “dende o punto de vista social”.
“AS LEIS PÓDENSE MODIFICAR”
“Seguiremos batallando para que non se consolide isto”, anunciou a alcaldesa de Pontevedra, antes de recordar que este ano hai eleccións xerais e que “as leis igual que se fan pódense modificar” para que a continuidade de Ence “non se perpetre”.
Ademais do Concello de Pontevedra, colectivos ecoloxistas como a Asociación pola Defensa da Ría ou Salvemos Pontevedra alegaron contra a vixencia do título concesionario á fábrica de celulosa.
“BURLA SANGUENTA”
O avogado de Salvemos Pontevedra e voceiro do grupo municipal do PSdeG no Concello de Pontevedra, Agustín Fernández, cualificou de “burla sanguenta” o contido deste informe.
Fernández dixo ter claro que “aquí hai unha directriz política” para non ter en conta as cuestións técnicas “e a iso prégase o Servizo provincial de Costas”.
O edil socialista recorda que este asunto aínda ten percorrido xudicial. Costas non aceptou as alegacións presentadas contra ningunha das instalacións industriais situados dentro do recinto fabril de Lourizán, como son a planta de coxeración de enerxía eléctrica de biomasa, a planta de tratamento de augas residuais da fábrica ou as balsas de decantación.
“Non se pode ir contra a vontade dos cidadáns”, indicou Agustín Fernández que valorou a decisión de Costas como unha “moi mala noticia para Pontevedra”.