A taxa anual de produción industrial aumentou en Galicia en xuño un 12,9%, o que sitúa a galega como a segunda comunidade na que se rexistrou un maior crecemento, por detrás de Castilla La Mancha (15,2%).


Así o detallan os datos publicados este venres polo Instituto Nacional de Estatística (INE), que sinalan que este incremento tamén é superior ao do conxunto do Estado, onde aumentou un 7,5%.

Deste modo, no que vai de ano en Galicia, o Índice de Produción Industrial incrementou nun 2,4% no primeiro semestre, cifra lixeiramente inferior á do total de España, que se situou no 2,6%.

Segundo os datos do INE para o conxunto do Estado, tras acelerar o seu avance interanual, co aumento de xuño, a produción industrial logra encadear cinco meses de incrementos interanuais consecutivos. Trátase da taxa máis alta dende marzo de 2014, cando creceu un 8,1%.

Ademais, se se eliminan os efectos estacionais e de calendario, a produción industrial creceu un 4,5% respecto a xuño de 2014, taxa 1,3 puntos superior á rexistrada en maio.

A evolución da produción industrial en xuño foi consecuencia do crecemento experimentado polos bens de equipo (+15,2%), bens intermedios (+6,6%), enerxía (+4,7%) e bens de consumo (+4,4%).

En taxa mensual (xuño sobre maio), a produción industrial, corrixidos os efectos estacionais e de calendario, subiu un 0,4%, taxa 0,2 puntos inferior á observada en maio.

Por comunidades autónomas, a produción industrial aumentou en catorce comunidades autónomas, rexistrándose os maiores incrementos en Castilla-La Mancha (+15,2%), Galicia (+12,9%) e Madrid (+11,3%).

Pola súa banda, os maiores descensos producíronse en Extremadura (-1,8%), Canarias ( -1%) e La Rioja ( -0,4%). 
POWERED BY BIGPRESS