Comezaron a súa participación dobregando a un dos favoritos, o Equigoma–Casa Social Católica, e axiña viron matematicamente asegurado o seu obxectivo na competición, que non era outro que garantirse a permanencia. Cun balance moi satisfactorio vén de pechar o Universidade de Vigo de xadrez a súa participación no Campionato de España de Primeira División, no que remataron en terceiro lugar, tras un “inicio espectacular” da competición que se clausurou este venres en Linares (Xaén), na “practicamente tiñamos asegurada a permanencia na terceira rolda, polo que, en lugar de por manternos, vímonos loitando por subir á División de Honra”, como apunta o seu capitán Pablo García.

O Jaime Casas e o Equigoma foron finalmente os dous equipos que lograron o ascenso á máxima categoría do xadrez estatal no torneo que se clausurou este venres e que o equipo vigués abriu derrotando a un dos favoritos, o Equigoma. “Foi un inicio espectacular, que subiu moito o ánimo do equipo”, apunta García dun torneo no que “este ano notouse a crise e o nivel non estivo tan alto, xa que habitualmente manterse xa era toda unha proeza”. Así, foi menor o número de Grandes Mestres Internacionais aos que tivo que facer fronte un conxunto formado “por xente da casa, por xogadores que se formaron na canteira como Manuel Pena ou Migule Senlle, que competiron a un gran nivel”, como apunta o capitán dun equipo que completaban Roberto Paramos, Avelino Leirós e Francisco Carrera.


SÓ DÚAS DERROTAS


Trala vitoria inicial, o Universidade de Vigo encadeou dous empates consecutivos fronte ao Club de Ajedrez Silla e o Stadium Casablanca, antes de medirse ao conxunto que finalmente se alzou co torneo, o Jaime Casas, nunha xornada á que o equipo galego chegaba con opcións de converterse en candidato ao ascenso. “A verdade é que tivemos o encontro moi favorable, pero torceuse no último momento e rematamos perdendo tras catro horas de partida”, apunta García dunha rolda que resultou decisiva, e na que os galegos perderon por 2,5-1,5. 


Tras ese resultado, coa permanencia xa no peto e con poucas opcións de optar aos dous primeiros postos, o equipo galego empatou co Alekhine-Espartinas e derrotou por 3-1 ao EVA-Manises na quinta e sexta xornada de competición. Xa este venres, no último día do torneo, o Universidade de Vigo sufriu a súa segunda derrota, por 1-3, fronte ao Barberá. Mais antes de sentarse a xogar, o terceiro posto xa estaba matematicamente garantido nun torneo ao que o conxunto galego retornará en 2016 e do que marcha “con moi boas sensacións”, como destaca García.

POWERED BY BIGPRESS