Fábrica de ENCE na ría de Pontevedra
O Concello de Pontevedra insta a Xunta de Galicia a que emita un informe desfavorable sobre a solicitude de prórroga que presentou ENCE para continuar en Lourizán. A través dun acordo da Xunta de Goberno, que será remitido á administración autonómica, esixen ao executivo de Núñez Feijóo que "se posicione claramente" e poña fin á súa "ambigüidade" en relación á permanencia da pasteira na Ría de Pontevedra.
O goberno municipal entende que a Xunta de Galicia, no exercicio das súas competencias exclusivas en ordenación do territorio, debe opoñerse á continuidade de ENCE xa que a prórroga solicitada sería "incompatible" coas directrices de Ordenación do Territorio e do Plan de Ordenación do Litoral (POL).
A voceira do goberno, Anabel Gulías, destacou que "é hora" de que a Xunta diga que o complexo industrial de Lourizán é un "lastre" para o medio ambiente e para as perspectivas sociais e económicas de Pontevedra e a súa ría. Deben situarse, sinalou, "ao lado dos veciños e veciñas de Pontevedra e deixar de defender os intereses da empresa".