A recuperación económica permitiralle ao PPdeG facer, en ano electoral, aquelo que non puido facer pola crise nos sete anos que leva no poder Alberto Nuñez Feijóo. Esta é a mensaxe lanzada polo presidente de Galicia en Soutomaior, onde os conservadores organizaron o seu habitual acto de inicio de curso político.


O presidente do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, afirmou hoxe que “neste novo curso tomaremos as decisións esperadas polas que levamos moito tempo traballando”, e considerou que isto é froito do traballo feito nos últimos anos e demostra que “os esforzos non foron en balde”.


O líder conservador adiantou hoxe nunha entrevista na Voz que o PPdeG pensa, entre outras medidas, baixar os impostos (eliminando o de sucesións) e dar un mellor trato fiscal para favorecer a concentración de propiedades no rural. Feijóo ancara a súa terceira reeleción en 2016 cunhas cifras de paro significativamente maiores das que herdou de Touriño en 2009.


O mandatario tamén apuntou que o Partido Popular “foi o único que escoitou as urnas” e “en lugar de regodearse nos votos acadados fixouse con humildade nos que non acadou”. Ademais, lembrou que mentres outras formacións “se pechaban nos despachos a repartir cartos e cargos”, o PPdeG "saíu á rúa a escoitar á xente e preparar a Ponencia política".


Por outra banda, a Deputación de Pontevedra informou hoxe que o PP non poderá organizar o tradicional inicio do curso político en Soutomaior en 2016. A administración que agora goberna o PSdeG en coalición co BNG, e que antes estaba nas mans dos conservadores" argumenta que os "privilexios" do PP "chegaron a súa fin".


O organismo provincial argumenta nunha carta que o habitual é que o Castelao de Soutomaior se ceda a asociacións e colectivos, pero só as salas interiores e pagando unha taxa polos actos. A Deputación entende que o feito que "só" o PP desfrutase dos xardíns de xeito gratuíto co anterior lexislativo proba que os conservadores "un moi pouco adecuado uso patrimonial do público". Nun comunicado, a Deputacioń dille ao PP que "os tempos cambiaron" e reafírmase no compromiso de "impedir que os espazos públicos se empreguen para actividades partidarias".


Nin Feijóo nin Rajoy fixeron referencia algunha aos casos de corrupción que deixaron tocada a credibilidade do seu partido


O presidente de España só se referiu a Galicia para destacar os investimentos no AVE e na Catedral de Santiago para 2016. Mariano Rajoy evitou falar de se Feijóo será o candidato á Xunta en 2016, algo que tamén evitou o responsábel da Xunta.

POWERED BY BIGPRESS