Celta de Vigo e Getafe asinaron táboas nun partido con moitas ocasións pero sen goles, que evitou que o conxunto galego se colocase como líder provisional e permitiu aos de Fran Escribá sumar o seu primeiro punto como visitante.
O Celta entrou no partido con máis intensidade que o Getafe, ao que lle custou adaptarse ao alto ritmo que imprimía o seu rival ao seu fútbol. Eduardo "Toto" Berizzo entendeu que o mellor xeito de derrubar a defensa rival era polas bandas e os seus xogadores buscaron con insistencia a Nolito e Orellana, omnipresentes durante todo o primeiro tempo.
Vicente Guaita evitou o primeiro tanto no minuto nove cunha grande intervención a remate de Iago Aspas, quen pouco despois, tras driblar ao porteiro valenciano, atopouse co poste.
Non foron as únicas ocasións de perigo do Celta na primeira parte, a pesar de que co paso dos minutos perdeu protagonismo. Nolito, cun cabezazo que saíu cruzado, e Orellana, cun disparo ao que respondeu Guaita cunha gran man, tamén rozaron o gol.
O Getafe nivelou o duelo tras a continuación, e incluso gozou de varias ocasións para adiantarse, con disparos de Medrán e Lafita que despexou Sergio Álvarez con dificultades, e cun remate de Scepovic que se estrelou no traveseiro.
O Celta perdera faísca, xa non atacaba con tanta velocidade, pero cando Nolito entraba en acción asustaba ao Getafe. O internacional español volveu probar a Guaita cun disparo desde o frontal no minuto 63, e dous despois, tras un despexe da meta visitante, volveu atoparse co traveseiro.
(fuente: galiciaé)
Ficha técnica:
Celta de Vigo: Sergio Álvarez; Hugo Mallo, Cabral, Sergi Gómez, Jonny; Wass (Bongonda, min.90), Radoja; Orellana, Tucu Hernández, Nolito; Iago Aspas (Guidetti, min.74).
Getafe: Guaita; Suárez, Virgini, Alexis, Vigaray; Juan Rodríguez, Medrán; Sarabia (Emi, min.74), Víctor Rodríguez, Lafita (Moi Gómez, min.77); Álvaro Vázquez (Scepovic, min.67).
Árbitro: Prieto Iglesias (colexio navarro). Mostrou cartón amarelo a Nolito por parte do Celta de Vigo, e a Vigaray, Vergini, Juan Rodríguez e Emi por parte do Getafe.
Incidencias: Encontro correspondente á sétima xornada da liga disputado no estadio municipal de Balaídos ante 18.308 espectadores, segundo anunciou o club vigués