O Goberno fretará este domingo un avión A-400 do Exercito do Aire, con destino ao aeroporto de San Xoán de Terranova, para a repatriación dos tres mariñeiros que sobreviviron ao naufraxio da 'Vila de Pitanxo' e dos nove falecidos rescatados até o momento.
Así o anunciou o pasado venres o presidente o Goberno, Pedro Sánchez, despois de manter unha conversación telefónica co primeiro ministro de Canadá, Justin Trudeau, na que lle agradeceu todos os esforzos das autoridades canadenses nas tarefas de rastrexo do pesqueiro galego. "En canto a meteoroloxía permítao, retomaremos a colaboración nos labores de procura", sinalou Sánchez en Twitter.
Respecto da repatriación do tres mariñeiros que sobreviviron ao naufraxio e do nove corpos rescatados até o momento, o Executivo explicou que o avión será recibido en San Xoán de Terranova polo embaixador de España en Canadá, Alfredo Martínez Serrano e polas autoridades consulares españolas neste país.
As familias dos mariñeiros explicaron este sábado que as autoridades lles trasladaron que o avión do Ministerio de Defensa chegará o domingo a Terranova e estará listo para o regreso desde o mesmo luns, pero sen poder aínda garantir o día.
domingo, 20 de febrero de 2022, 08:10