Representantes dos colectivos unidos na fronte social e política anti ENCE
A fronte social e política posta en marcha para loitar contra a continuidade de Ence na Ría de Pontevedra cobra
unha forma cada vez máis definida.
Na noite deste venres mantiveron unha reunión no local social do Gorgullón e este sábado fixeron unha comparecencia pública na que deron a coñecer a campaña que porán en marcha, que terá o eslogan 'Ence fóra para sempre'.
Forman parte da campaña o Goberno local e os grupos municipais do BNG, PSdeG-PSOE e Marea, que van da man de asociacións veciñais, ecoloxistas, profesionais, de comunidades de montes e colectivos cidadáns. No seu nome, os portavoces das asociacións ecoloxistas Defensa da Ría e Vaipolorío defenderon que "só a presión social sobre Ence e o PP de Pontevedra e de toda a comarca será quen de impedir a prórroga" que volveu pedir a empresa por 50 anos máis.
"En xogo está o futuro da ría, de todos nós e dos nosos fillos", manteñen e o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, engade que evitar que a pasteira permaneza na enseada de Lourizán "é unha responsabilidade de todos", de modo que anima aos cidadáns a mobilizarse ata acadar o obxectivo.
Segundo informaron, trátase dunha campaña multimedia baseada nun identificador gráfico que pode ser utilizado por calquera persoa que desexe manifestar a súa opinión a prol da recuperación da ría.
Entre os fitos da campaña atópanse a realización dunha páxina web que será presentada nos póximos días, a publicación dun 'Libro Branco sobre Ence', con sinxelas preguntas e respostas sobre a realidade da empresa e a contestación legal e social que tivo e ten, e unha xanela electrónica para que a cidadanía imaxine Lourizán sen a fábrica.
Incorporación de Bueu
En canto aos Concellos da ría, onte incorporouse ás reunións o alcalde de Bueu, Félix Juncal (BNG), que non puidera estar na primeira cita. Aínda que admitiu que a Bueu o conflito de Ence tócalle «un pouco de refilón», si mostrou o seu apoio incondicional á mobilización en prol de que a pasteira abandone a ría. «Existen aspectos medioambientais, pero tamén relacionados coa saúde das persoas que fan recomendable de a fábrica deixe a súa ubicación», apuntou.
Quen non estivo foi o alcalde de Sanxenxo, Gonzalo Pita (SAL), que na reunión anterior asistira a título persoal e comprometeuse a levar o asunto a pleno, un feito que aínda non se produciu, por iso escusou a súa asistencia.
Onte tamén estaban Vaipolorío e a APDR, as federacións de veciños Castelao e Teucro, a mancomunidade de montes de Pontevedra e a Deputación representada polo seu vicepresidente, César Mosquera (BNG).