Cartel da marcha do domingo 15 en Vigo


A Xunta de Persoal do Chuvi organiza para este domingo día 15 unha marcha reivindicativa a pé en defensa da sanidade pública e para rexeitar as privatizacións, os recortes e as medidas de copago que o goberno do PP está a aplicar no novo hospital de Vigo.


A mobilización, que terá carácter lúdico-festivo, partirá de Praza América ás 11.00 horas e rematará no Álvaro Cunqueiro.


Os representantes dos traballadores do Complexo Hospitario Universitario de Vigo (Chuvi) explican que coa marcha pretenden seguir a reivindicar unha sanidade pública de calidade e amosar o seu rexeitamento ás privatizacións, aos recortes e ás medidas de copago que o goberno do PP está a aplicar no novo hospital de Vigo, para o que reclaman unha xestión 100% pública.


A mobilización terá un carácter lúdico-festivo e non haberá simboloxía das organizacións, só a pancarta da Xunta de Persoal. 


Os empregados da sanidade viguesa chaman ao conxunto da veciñanza a participar na marcha e a reivindicar o seu dereito a unha atención sanitaria de calidade.


Os sindicatos criticaron a política sanitaria do PP e advertiron de que, aínda que houbo cambios co novo conselleiro de Sanidade, non son suficientes, e quedan problemas por resolver, como o prezo dos aparcamentos no Álvaro Cunqueiro, as axudas de custo dos pacientes ou os problemas nos quirófanos.

Ademais, reprocharon a Vázquez Almuíña que cinga o diálogo cos traballadores aos xefes de servizo e non escoite os "verdadeiros" representantes do persoal. 

POWERED BY BIGPRESS