As provincias de Lugo e Ourense recibirán aproximadamente 1.300.000 euros para desenvolver tres liñas de actuación fundamentais: a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, o fomento da conciliación e a difusión de información sobre igualdade.
En concreto, a Xunta incrementou nun 27 por cento as achegas aos concellos lucenses destinadas á promoción da igualdade, o que supón poñer á súa disposición 137.382 euros máis que no 2014. Foron 40 concellos lucenses os que se beneficiaron das axudas, que suman en total 647.470 euros. Desta contía, 590.243 euros están destinados ao sostemento dos Centros de Información á Muller (CIM) e 57.227 euros a poñer en marcha medidas de conciliación.
Os concellos da provincia de Ourense, pola súa banda recibirán este ano 666.346 en concepto de axudas da Secretaría Xeral de Igualdade. As axudas foron presentadas pola Secretaria Xeral de Igualdade, Susana López Abella, nunha rolda de prensa na que estivo acompañada pola delegada territorial, Marisol Díaz Mouteir. Ambas destacaron que seguindo a senda establecida hai dous anos, a convocatoria deste ano reforza a prioridade dos proxectos de xestión compartida, o que significa incremento de puntuación e polo tanto, incremento de subvención para os concellos que presenten solicitudes conxuntas para a xestión desta orde de subvencións.
A resolución destas axudas reflicte unha consolidación no eido da cooperación e colaboración entre concellos e para a xestión compartida das actuacións e programas no eido da promoción da igualdade. Unha cooperación pola que a Xunta seguirá apostando, convencida de que “é o modelo a seguir para garantir unha atención eficaz e eficiente á cidadanía neste ámbito de actuación”, dixo Susana López.