O Servizo Galego de Saúde ofertará durante 2016 aproximadamente 800 prazas, na que será sen dúbida algunha a súa maior convocatoria de emprego público dende o ano 2009. Así o adiantou este xoves o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, recoñecendo que esta oferta "superará con creces o volume de todas as convocatorias acumuladas dos últimos anos".


Dende 2012 tan só se tiña ofertado un volume conxunto de 788 prazas no Sergas, menos do que agora se prevé convocar nunha soa vez. Feijóo sostén que se viron limitados polas taxas de reposición que afectaban a toda España, asegurando que a Xunta sempre esgotou o máximo de reposición fixado polo Goberno central no 10%. 


Pero a convocatoria de 2016, unida á de 2015, supoñen para o presidente "os primeiros efectos da recuperación dos recursos públicos na comunidade autónoma. Sumando as convocatorias de prazas en Educación e na Administración xeral, asegura que durante 2016 se convocará un total de  "máis de 2.000 prazas públicas" na Xunta.


COMEZAN AS PROBAS DE 2015


Precisamente este sábado darán comeza as probas para 300 prazas de médico de familia e enfermería, ás que concorrerán uns 9.500 aspirantes. En concreto, hai 1040 aspirantes para 82 postos de médico e nada máis e nada menos que 8848 aspirantes para 205 prazas de enfermería. 


Ademais, antes de que chegue o verán tamén se celebrarán as probas para diplomados sanitarios, técnicos sanitarios, auxiliares de enfermería... Neste caso, ofertaranse 212, pero espérase que se presenten unhas 12.000 persoas. 

POWERED BY BIGPRESS