A Real Academia Galega trasladou este venres que as advertencias do Consello de Europa sobre o idioma, nas que apuntaba a súa preocupación pola súa redución gradual no sistema educativo, "concordan" coa posición desta institución respecto da política lingüística da Xunta.
A entidade presidida por Xesús Alonso Montero foi unha das consultadas polo comité de expertos para a elaboración do cuarto informe sobre o grao de cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais e Minoritarias, no que se constata un "flagrante incumprimento" do acordo en España."
A Academia destaca que o informe "se fai eco" da chamada de atención da RAG sobre o impacto da redución do galego a un terzo do horario, a imposibilidade de impartir materias técnicas, como Matemáticas, nese idioma, ou a escasa presenza en infantil (nun 6,57 por cento en cidades de máis de 50.000 habitantes).
Ante este diagnóstico, a entidade insiste en que tanto a Xunta como o Goberno estatal "están moral e legalmente obrigados a tomar medidas positivas" cara á normalización do galego, un "obxectivo irrenunciable da sociedade".
"ASUMIR RESPONSABILIDADES"
Pola súa banda, a CIG-Ensino esixiu á Consellería de Educación "que deixe de mentir", ante as evidencias que inclúe o citado informe no que se "constata a neglixencia e os incumprimentos da Administración, o descenso no uso do idioma e a falta de obxectividade" da Xunta na análise da situación do galego.
O sindicato dirixido por Anxo Louzao esixiu a Educación que "abandone as políticas de demolición do galego e tome en serio as recomendacións do comité de expertos", empezando por "asumir responsabilidades" e "derrogar" o decreto do plurilingüismo no ensino.