Salvemos Cabana avanzou que presentará alegacións ao permiso de investigación mineira Isabela II autorizado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria para desenvolver polo Grupo M-FM 2001, S.L, sobre unha superficie de 4.368 hectáreas dos municipios coruñeses de Zas, Santa Comba, Vimianzo e Coristanco. 


Nun comunicado, a plataforma explicou que esta autorización, tramitada de maneira favorable por parte da Xunta de Galicia, se centra na procura de recursos mineiros da sección C (ouro e afíns) e foi publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 15 de xaneiro.


"Resulta difícil comprender como a Xunta se pode mostrar proclive unha vez máis á minería do ouro e outros metais nas súas distintas vertentes sen valorar outro tipo de condicionantes como as afectacións ao territorio e o medio ambiente, primando a actividade extractiva fronte a outros sectores produtivos básicos en Galicia como a agricultura e a gandería", considerou a plataforma.


Salvemos Cabana recomendou que todas aquelas persoas e colectivos interesados acudan a consultar o expediente en fase de información pública ata mediados de febreiro na Sección de Minas da Xefatura Territorial da Consellería de Economía, Emprego e Industria da Coruña.


POWERED BY BIGPRESS