O Celta caeu de maneira clara en Vallecas tras encaixar tres tantos, dous deles a balón parado, na primeira metade. Os celestes, con moitos non habituais no once, non acabaron de entrar no partido ante un rival moi necesitado de puntos.
O Rayo topouse coa madeira na súa primeira chegade. Bebé rematou ao pau aos tres minutos tras recibir un envío longo na banda esquerda. E pouco despois, de novo a madeira frustrou un cabezazo de Llorente á saída dun córner. Foi un comezo complicado para os celestes, que parecían sufrir para adaptarse ás dimensións de Vallecas, ao estado do terreo de xogo e á forte presión dun rival moi necesitado de vitorias.
Os vigueses aguantaron e aos poucos foron entrando no partido, máis pausado e igualado cando se cumpría o primeiro cuarto de hora. Pero pouco despois, unha xogada desafortunada na banda dereita, cos dous defensores celestes polo chan, acabou en remate a gol de Miku.
Perico cabeceou á rede aos 25 minutos un centro de falta desde o lateral. O Rayo tomaba xa clara vantaxe, que aumentou noutro balón parado aos 36 minutos. Jozabed cabeceou de novo á rede unha falta lateral.
Tralo descanso, Hugo Mallo rematou desde a interior da área, pero o coiro, centrado, acabou nas mans de Juan Carlos. Boa ocasión para o Celta no arranque dunha segunda metade moi complicada dada a enorme desvantaxe. Non houbo máis goles e o Rayo venceu coa folgura que cultivou na primeira metade.