O Hospital Gil Casares, incluído no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela (CHUS), inaugurou unha unidade mixta de investigación oncolóxica de precisión pioneira no mundo coa que os impulsores do proxecto se propuxeron "erradicar o cancro das nosas vidas e desta terra", en palabras do doutor Rafael López, director deste proxecto.



A apertura desta unidade de investigación, que creará sete postos de traballo e contará con 30 persoas involucradas, estivo presidida polo xefe do Executivo galego, Alberto Núñez Feijóo, e contou coa presenza dos conselleiros de Economía e de Sanidade, Francisco Conde e Jesús Vázquez Almuiña.



O obxectivo da unidade é impulsar a investigación traslacional, é dicir, o traslado á aplicación médica do desenvolvemento dun fármaco, e xerar novas sinerxias no sector biomédico de Galicia. Así mesmo, aspira a converterse nun referente en España no desenvolvemento de proxectos investigadores dirixidos a conseguir un medicamento oncolóxico personalizado.



O doutor Rafael López encomendou ao presidente e a "todos" os líderes dos gobernos o apoio aos proxectos investigadores para "erradicar o cancro" dende Galicia. "Esforzo e ilusión non nos falta", salientou, convencido de que "fracasos" teñen a diario, pero "todos os días levántanse" coa idea de progresar e innovar.





POWERED BY BIGPRESS