A Xunta respaldou a prórroga de 60 anos á concesión de Ence na ría de Pontevedra decidida polo Goberno en funcións do Partido Popular. O director xeral de Enerxía e Minas, Ángel Bernardo Tahoces, asegura que o que lle queda ao executivo autonómico é "respetar esa resolución, dictada nun procedemento administrativo absolutamente reglado".
Tahoces fala dunha "resolución administrativa" e asegura que o papel da Xunta será "velar polos compromisos adquiridos" pola empresa nos ámbitos "medioambiental, tecnolóxico e paisaxístico".
Pero no seu momento, a Xunta sí tivo unha responsabilidade adicional, emitindo un informe medioambiental sobre Ence. Sobre este aspecto pronunciouse no parlamento a conselleira de Medio Ambiente, Beatriz Mato, puntualizando que o susodito informe sobre Ence "non fala en positivo" da empresa na súa actual ubicación, senón que se limita a certificar o cumprimento dos requisitos polos que en 2008 se lle concedeu a declaración de impacto ambiental.
Estas explicacións non convenceron á oposición e, os portavoces de PSOE, BNG, AGE e Grupo Mixto no debate coincidiron ao censurar que un goberno en funcións tomase esta decisión, que relacionaron cos cargos do PP sentados no consello de administración da empresa.
O GOBERNO EN FUNCIÓNS ELUDE RESPONSABILIDADES
A ministra de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente en funcións, Isabel García Tejerina, asegurou este martes que a prórroga concedida a Ence por 60 anos para a ocupación dos terreos nos que se sitúa o seu centro de operacións na Ría de Pontevedra foi "unha decisión administrativa" na que non interferiu o Goberno.
"Seguíronse todos os trámites administrativos necesarios que se pedían para poder conceder a prórroga da concesión", afirmou a ministra, á vez que remarcou que "a decisión non a tomou un goberno en funcións e é unha resolución administrativa, a firma a directora xeral".
"Non é unha decisión do goberno en absoluto, é unha decisión absolutamente administrativa, co cal escapa completamente da decisión do Goberno, é un trámite ordinario", reiterou a ministra en declaracións aos medios tras asistir á inauguración do IX Congreso Federal da Unión de Pequenos Agricultores e Gandeiros (UPA).
En calquera caso, Tejerina xustificou que Ence "ten unha actividade moi importante, ten comprometidas investimentos moi importantes en Pontevedra" e concedeuse a prórroga para que "poida seguir funcionando e mantendo todo o emprego que xera".
"Cúmprense uns requisitos, a empresa ten dereito cumprindo toda a normativa, é sen máis un trámite ordinario que permitirá que esta empresa siga funcionando e siga xerando emprego na provincia de Pontevedra", concluíu.?