O BNG e o PSOE esixiron a dimisión de Jorge Caldas, concelleiro do PP e tenente de alcalde no municipio pontevedrés de Moraña,despois de que este chamase "mala zorra" á presidenta da Deputación de Pontevedra, a socialista Carmela Silva.


O comentario foi publicado na rede social facebook como resposta a outro usuario que criticaba a falta de apoio económico da Deputación para o Rally Rías Baixas, acusando a Silva de demostrar a súa falta de interese neste tema.


Dende a agrupación local do bloque falan dunha "expresión machista" que tan só pode definirse como "inadmisible,intolerable e vergoñenta". Consideran "especialmente grave" que un representante público recurra a un insulto sexista "dese calado", atentando "non só contra un cargo público polo simple feito de ser muller, senón contra a dignidade de todas as mulleres".


Por iso lle reclaman á alcaldesa, María Luisa Piñeiro, que cese de forma inmediata a Jorge Caldas, para que non "avale" e sexa cómplice dos seus comportamentos machistas.


Pero polo de agora non parece que a alcaldesa vaia pedir este cese,asegura que se trata dun comentario "desafortunado", producto dun momento de "calentón".Asegura que o concelleiro se atopa de viaxe, pero que está "moi afectado" polo acontecido e que pedirá disculpas públicas cando volte, "persoalmente" ante a propia Silva si é necesario.


Do mesmo xeito, o presidente da Xunta e líder do PP galego, Alberto Núñez Feijóo pediu "disculpas" como presidente do partido, asegurando que o propio concelleiro debería "disculparse inmediatamente", pero sen aclarar se pode seguir no cargo. 

POWERED BY BIGPRESS