Non parece que vaia haber sorpresas no trámite parlamentario da Lei do Solo. Nun intenso debate que durou varias horas, a oposición reafirmou o seu rexeitamento para un texto que en principio será aprobado grazas á maioría do Partido Popular. O que salvo sorpresa de última hora non conseguirán sacar adiante os populares será a enmenda coa que pretendían sortear o bloqueo urbanístico de Vigo, que será vetada pola Alternativa Galega de Esquerda.
Esta enmenda pretendía reformar o artigo 144 da lei en tramitación, permitindo a construcción de proxectos de interese público como a ampliación de Citroën, a estación intermodal ou a Cidade da Xustiza, paralizados trala anulación do PXOM de Vigo de 2008.
Pero o voceiro de AGE, Antón Sánchez, confirmou no pleno que o seu grupo non cedería ás "presións" e mantería a súa negativa para esta enmenda, xa que entenden que "pouco ten que ver coa protección dos traballadores de Citroën" ou cos problemas da cidade de Vigo. Aseguran que esta modificación crearía un instrumento perigoso que afectaría a toda a Galicia, e que permitiría sacar proxectos "eludindo a participación pública" e creando unha profunda "inseguridade xurídica".
Na mesma liña pronunciouse a voceira do BNG, Ana Pontón, asegurando que esa enmenda "non ten que ver co problema concreto de Vigo, senón que esconde outro tipo de intereses" e vai crear "máis inseguridade xurídica". Aínda así, os nacionalistas non se opuxeron á súa tramitación.
Pola súa banda, dende o Partido Popular defenderon unha vez máis a conveniencia da solución plantexada para desbloquear os proxectos de interese en Vigo. O seu voceiro no debate, o deputado Jaime Castiñeiras, acusou aos membros de AGE de ser unha formación que "nace coa crise económica e precisa da crise económica para seguir existindo" polo que prefiren que estemos "canto peor, mellor".
Dende o PSdG apoiaron a enmenda presentada polos populares, aínda que aseguraron que coa anterior Lei de Vivenda non tería sido necesaria.
PLAN B DA XUNTA
En principio parece que a Xunta se verá obrigada a recorrer ao seu plan B para desbloquear proxectos estratéxicos na cidade de Vigo.
O presidente da Xunta confirmou a semana pasada en Citroën que se a enmenda da Lei do Solo non saía adiante tramitarían unha lei específica cun único artigo, que permitiría que Citroën fixese as obras necesarias para optar á fabricación dun novo vehículo.