O Concello de Valencia puxo en mans da Fiscalía Anticorrupción un informe sobre os gastos da ex-alcaldesa popular Rita Barberá entre 2009 e 2015. Neste documento, que xa se coñece como 'Ritaleaks' aparecen gastos relativos a viaxes, comidas, agasallos... 


Pero hai un gasto concreto neste informe que chama a atención en Galicia. En Xaneiro de 2012 Barberá cargoulle máis de 2.000 euros ao concello para acudir ao funeral do expresidente da Xunta, Manuel Fraga. En concreto, figuran dous billetes de avión de 967, 22 e 931,22 euros para ela e o seu escolta e dúas habitacións no Hostal dos Reis Católicos de 250 e 175 euros. 


Agora a Fiscalía deberá determinar se este e os outros gastos corresponden non a "actividades de goberno". En total, o informe recollido pola Fiscalía contempla gastos cun montante de 278.000 euros en comidas, hoteis e viaxes durante os 4 anos que analiza. 


Ademais do viaxe a Galicia tamén figuran unha comida con gin tonics, gazpachos de lagostas, ron, mariscadas, pacharán, vieiras ou "mojama extra". Así mesmo, aparecían tamén 600 euros por unha noite nunha suite de hotel con 'full crédit', que cubría todos os gastos, "desde masaxes ata a pedicura".



O alcalde de Valencia, Joan Ribó, que era o portavoz de Compromís no consistorio cando esta coalición presentou a denuncia a Fiscalía e que deu a coñecer as facturas, comentou que se trata de "dispendios" que na súa "maior parte  non están xustificados polo feito de ser alcaldes" quen os realice porque "son viaxes particulares, viaxes que non constan concretamente na axenda do alcalde e que, por tanto, teñen carácter particular".


Para Ribó, a asistencia ao funeral "de  Fraga Iribarne non é un acto do Concello" senón "de partido", así como "asistir a determinadas reunións do PP; agasallos feitos sen control, desde laranxas ata botellas de ron" e "viaxes que non se xustifican en absoluto". A este respecto, apuntou o gasto de "máis de 1.000 euros ao día" en "coche con condutor en Londres e uso de determinadas suites".



Joan Ribó valorou a posibilidade de que o ministerio público pida a imputación de Barberá por 'Ritaleaks', unha denuncia que "puxo de manifesto todo o mal uso que se facía do diñeiro público por parte da anterior alcaldesa", e que por "primeira vez, rompa o mutiblindaje que ten Barberá a nivel xudicial".


POWERED BY BIGPRESS