Para AGE os problemas do novo hospital de Vigo non rematan na "reducción de servizos e peche de camas" que ten denunciado noutras ocasións. Pola contra, consideran que a Xunta de Feijóo cometeu unha serie de irregularidades cando xestionou a concesión do hospital Álvaro Cunqueiro, contraendo unha "débeda en diferido" duns 1.400 millóns de euros a pagar en 20 anos, hipotecándose ata o 2033 e aumentando o endebedamento a futuro do Sergas nun 80%. 


Ante este endebedamento "oculto", sosteñen que a solución máis económica sería un rescate do hospital por parte da administración autonómica. Propoñen abonarlle ás concesionarias os aproximadamene 70 millóns de euros que segundo as súas contas gastaron no hospital, engadindo os correspondentes intereses de mercado polo tempo que mediou entre o seu investimento e este proposto desembolso. 


En palabras do voceiro de AGE, Xosé Manuel Beiras, se a Xunta rexeita esta solución, demostrará que existe "gato encerrado" e "unha fraude gordísima absolutamente inxustificable". Se o executivo autonómico evita converter unha débeda de 1400 millóns nun desembolso de apenas 70, deberá explicar "a qué compromisos clientelares ou de amiguismo se debeu que fixeran toda esta trapallada", hipotecando aos galegos ata 2033. 


Dende AGE consideran probada a existencia da débeda millonaria da Xunta. Explican que o problema xurdiu cando a administración de Feijóo converteu o contrato de colaboración entre autoridades públicas proposto polo bipartito nun contrato de concesión de obra pública, mermando as garantías da concesión e evitando realizar un estricto estudo de viabilidade das concesionarias. Acusan ao executivo de asumir riscos financeiros que deberían estar en mans das concesionarias, nun proceso que segundo eles podería rematar sendo declarado nulo dende Europa.  Así, cando comeza a haber dificultades "ten que ser a Xunta a que acuda en axuda das concesionarias". 



POWERED BY BIGPRESS