Tiveron que pasar 7 anos dende a fin do bipartito galego para que volvéramos a ver xuntos ao expresidente Emilio Pérez Touriño (PSdeG) e ao exvicepresidente Anxo Quintana (BNG). A cita que conseguiu reunilos foi a lectura da tese doutoral escrita polo xornalista e politólogo Paulo Carlos López, que precisamente afonda nos erros de comunicación do bipartito. 


O reencontro produciuse na facultade de Ciencias de Comunicación da Universidade de Santiago, que espertou expectante ante a posible asistencia dos exmandatarios. O primeiro en chegar foi o socialista, que afirmou descoñecer se acudiría o seu exvicepresidente. En todo caso, Touriño asegurou que se finalmente Quintana acudía sería "unha alegría". 


Pouco despois, Anxo Quintana entraba na facultade, afrontando a pregunta de se lle gustaba lembrar o bipartito. Sen poder esquivar o sorriso, asegurou que "lembrar sempre é bo", sostendo que foi "unha experiencia marabillosa no persoal, da que non teño ningunha nostalxia, pero da que gardo un gratísimo recordo". 


Tras estas palabras, Touriño e Quintana sentáronse a escoitar as conclusións do investigador Paulo Carlos, que afirmou ante os dous exdirixentes que "a experiencia do bipartito dende o punto de vista da comunicación fora unha experiencia mala". 



O investigador considera que no bipartito "non houbo coordinación". A modo de anécdota, recorda que Touriño e Quintana "só saíron unha soa vez" nunha comparecencia conxunta e o concurso eólico, que impulsou a carteira que dirixía o nacionalista Fernando Branco, foi "presentado, non polo presidente, senón polo vicepresidente".



Por iso considerou que "o cambio político que seguro que vai haber este ano, non pode ser un bipartito 2.0, hai que telo moi claro". "Non pode ser un bipartito 2.0, ten que ser unha cousa desde o punto de vista da comunicación transversal,


non pode haber compartimentos estancos no goberno de coalición que vai ser, ten que haber un goberno unitario", avisou.


O investigador estipulou que aínda que haxa un "cambio de natureza política" e "moitos cambios radicais" no goberno, "se non se comunica ben, non é percibido pola cidadanía".

POWERED BY BIGPRESS